A Xunta reforza o compromiso coa atención aos menores en situación de desamparo

O conselleiro de Política Social na sinatura do convenio con Cruz Vermella. Foto: M. Fuentes
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a presidenta de da Cruz Vermella de Galicia, María del Carmen Colmeiro Rojo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa de acollemento en familia allea de menores en situación de risco ou desamparo. Este acordo está dotado cun total de 455.753 euros, dos que a Xunta achega 330.000 –esta cantidade supón un aumento do 10% en relación ao convenio do exercicio pasado-. O obxectivo desta iniciativa “é garantir o dereito do menor e da menor a vivir nun entorno familiar”, sinalou Rey Varela.
A sinatura, que tivo lugar esta mañá na sede da Cruz Vermella na Coruña, vén dar continuidade a esta iniciativa que a devandita Organización Non Gobernamental (ONG) leva xestionando en colaboración coa administración autonómica dende o ano 1995. Así, Cruz Vermella ocúpase da selección, formación e atención continuada ás familias que queiran participar no programa; de buscar a familia idónea para un/unha menor; e tamén de asesorar a ese novo núcleo familiar unha vez constituído.
Deste xeito, permítese aos menores que estean baixo a garda ou tutela da administración autonómica vivir temporalmente cunha familia. Existe tamén o acollemento en familia extensa (familiares distintos dos país: avós, tíos…), unha opción que é preferente para manter ao menor no núcleo familiar e para a súa posterior reintegración, pero non sempre é posible. Por iso ponse en marcha este programa coa Cruz Vermella, coa finalidade de que os nenos e as nenas poidan vivir nun entorno familiar.
Na súa intervención, o conselleiro insistiu no esforzo da Xunta para que “non haxa ningunha familia sen fillos, traballando para que Galicia sexa o mellor lugar para formar unha familia e para ser neno ou nena; pero tamén para que non haxa ningún menor sen familia”. Neste sentido, destacou a importancia das familias dispostas a acoller un menor, considerándoas “o maior exemplo de amor e solidariedade que podemos atopar na nosa sociedade”.
Asemade, Rey Varela referiuse ao reforzamento das medidas que está a desenvolver o Goberno galego a prol do acollemento, indicando que dos case 2.000 menores tutelados ou en garda da Xunta de Galicia, máis da metade atópase en acollemento familiar. Ao respecto, sinalou que a Consellería de Política Social destina este ano 3,8 millóns de euros a diferentes programas e recursos dirixidos aos menores en situación de risco ou desamparo social.
Por último, o responsable da área social da Xunta fixo un chamamento a participar en programas de acollemento, e lembrou que pode acoller calquera persoa, matrimonio ou parella de feito, con ou sen fillos, e de calquera condición social, ideoloxía ou crenza. “O único que é necesario é ter a vontade de acoller e a capacidade de darlle aos nenos e as nenas os coidados, a seguridade, a educación e o cariño que precisan”, dixo Rey Varela.











