publicidade hoxe

A Xunta publica no DOG a licitación da redacción do proxecto da conexión do Porto Seco de Monforte coa estrada N-120

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do contrato de redacción do proxecto de trazado, estudo de impacto ambiental e proxecto construtivo da conexión co Porto Seco de Monforte coas estradas LU-933 e N-120.

Estes traballos contan cun orzamento de case 207.000 euros e teñen un tempo de execución de 18 meses, tendo as empresas ata o vindeiro 30 de xuño para presentar as súas ofertas.

O obxectivo desta actuación é impulsar una conexión que reforce a competitividade do Porto Seco de Monforte de Lemos, proporcionando unha maior seguridade e comodidade aos usuarios desta infraestruturas industrial. A licitación do proxecto construtivo supón un avance importante nunha infraestrutura moi demandada e estratéxica para o desenvolvemento económico e empresarial de Monforte, posto que reforza de forma significativa a conectividade do maior polígono empresarial do sur de Lugo.

A Xunta rematou a finais do pasado ano a primeira fase para a conexión do Porto Seco coa estrada LU-933, que supuxo un investimento de 5,3 millóns de euros, quedando pendente a execución dunha segunda fase, a continuación ata a N-120, que agora se impulsa.

O proxecto que hoxe se licita no Diario Oficial de Galicia responde a unha configuración coordinada co Ministerio de Fomento, que simplifica e fai viable economicamente a conexión entre a estrada autonómica que enlazará co Porto Seco e coa N-120 cuxo desdobramento proxecta a Administración central. Así a actuación proxectada suporá un investimento aproximado de 2,5 millóns de euros.

15 de xuño de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.