A Xunta porá en marcha 20 obradoiros na provincia de Ourense que beneficiarán a 400 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta vén de ampliar a dotación orzamentaria dos obradoiros e lanzadeiras de emprego para ofrecer máis oportunidades laborais ás persoas sen emprego. Deste xeito, na provincia de Ourense poranse en marcha un total de 20 obradoiros, nos que se investirán preto de 3,5 millóns de euros e que beneficiarán a preto de 400 persoas en situación de desemprego. Con respecto ás lanzadeiras, a provincia contará con dous programas desta tipoloxía, en Ourense e no Carballiño, nas que poderán participar 120 persoas sen emprego.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentaron hoxe estes programas.

Con respecto aos obradoiros, desenvolveranse en 75 concellos, xa que a maioría organízanse de forma conxunta entre varias localidades ou a través de Mancomunidades.

Os representantes do Goberno galego destacaron o aumento nun 25% no número de obradoiros de emprego provinciais con respecto ao ano pasado, que pasan de 16 a 20. Isto sucede grazas ao incremento dun 24,63% que se rexistra na contía destinada a estes programas mixtos de formación e emprego.

Dos 20 programas mixtos concedidos para a provincia de Ourense, tres son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Cada obradoiro ofrecerá formación e emprego a 20 alumnos en dúas especialidades, e contará cun presuposto de case 180.000 euros. No caso dos específicos para menores de 30 anos, o número de beneficiados cífrase en 15 alumnos cun orzamento de 133.000 euros.

As especialidades ou competencias impartidas nos obradoiros son diversas e van desde a carpintería, albanelería, pasando por xardinería ou axuda ao fogar, e mesmo aproveitamentos e repoboacións forestais ou deseños de páxinas web.

Formación personalizada

Con respecto ás lanzadeiras de emprego, son iniciativas que inclúen itinerarios personalizados para mellorar a procura dun posto de traballo.

A actuación ten como obxectivo o desenvolvemento de plans integrais que combinen accións de diversa natureza, como orientación e asesoramento, formación, prácticas laborais e mobilidade xeográfica. O programa establece uns obxectivos de inserción laboral dos traballadores que participan nel, tendo que acadar un emprego como mínimo o 25% dos participantes.

Tanto os obradoiros como as lanzadeiras son programas que promoven e fomentan a colaboración cos concellos e están incluídos na Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de 100.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

8 de xuño de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.