A Xunta pon en valor os investimentos realizados na mellora da mobilidade e dos servizos da comarca da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, subliñou hoxe no Parlamento de Galicia o produtivo que están a ser os anos deste Goberno galego para a comarca da Coruña, xa que, a pesar da crise económica e a diminución de recursos, “se puideron sacar adiante e poñer en servizo importantes infraestruturas, realizar investimentos produtivos e, ademais, facer fronte a herdanzas en forma de débeda”.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas destacou dous exemplos desta situación, sinalando que en marzo de 2015 se puxo en servizo o treito máis importante da Terceira Rolda da Coruña, unha mostra de colaboración entre administracións que supuxo un investimento de 101,69 M€ por parte da Xunta de Galicia. “Unha obra que, por certo, foi complementada con importantes melloras de permeabilidade e conectividade entre e cos barrios coruñeses”, engadiu.

Así, tamén destacou que os dous treitos postos en servizo por este Executivo na propia vía Ártabra, supuxeron un investimento de 68,98 M€ e, deste importe, máis de 18 millóns de € se corresponden con expropiacións xa pagadas, na súa maior parte pola actual Xunta, superando con moito os 13 millóns de euros de crédito que o anterior Goberno previra para estes pagos.

O director da AXI puxo en valor investimentos tan importantes como o Plan de Sendas de Galicia, que para a Comarca da Coruña prevé a execución de 9 sendas, en 6 quilómetros de estradas da rede autonómica, cun investimento de 4 millóns de euros. Este plan identifica os treitos de maior potencial para os desprazamentos habituais de peóns e ciclistas, e que carecen da infraestrutura axeitada, unindo núcleos con equipamentos.

Neste momento, estanse a redactar os proxectos necesarios para a súa execución, que como a estación intermodal xa teñen consignados os recursos económicos, e que comprenden actuacións tan importantes como a pasarela sobre a AC-552 que unirá o polígono da Grela coa área comercial de Marineda, as sendas das estradas AC-174 e AC-190 en Oleiros unindo as Pedreiras con Montrove e O Carballo, na AC-552 en Arteixo entre Pastoriza e Vilarrodís, na AC-163 en Fontán, en Sada, entre outras.

Francisco Méndez fixo un repaso sobre os distintos avances do Goberno que preside Alberto Núñez Feijoo en distintas materias. Así, no eido das estradas subliñou o remate da vía Ártabra nos tramos Oleiros-Lorbé, vial 18 e conexión coa A-6 e o treito III da vía Ártabra: Veigue, AC-526-Porto de Lorbé, cun investimento acada os 1,6 millóns de €, para unhas obras que comezaron onte mesmo, unha vez subsanados os problemas técnicos e administrativos que obrigaron a paralizar esta actuación.

En relación coa estación intermodal da Coruña, o director da AXI explicou que a Consellería de Infraestrutura e Vivenda, tras finalizar no ano 2015 os estudos previos correspondentes, licitou, o 31 de marzo de 2016, o contrato de servizo para a redacción dos proxectos básico e de execución da terminal de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña-San Cristóbal por un importe de case 600.000 euros e un prazo de execución de 12 meses. Está prevista a formalización do contrato no mes de xullo.

O proxecto a redactar inclúe o deseño e definición das obras correspondentes á estación de autobuses e ao aparcamento para turismos da estación intermodal, así como á praza pública e urbanización da Avenida da Sardiñeira. O importe correspondente a estas actuacións estímase en 17-18 millóns de euros, dos cales a Xunta de Galicia asumiría uns 10 millóns de euros correspondentes á execución da estación de autobuses.

Menéndez aclarou que a actuación precisa da implicación do Concello da Coruña que tardou meses en confirmar a súa disposición a cofinanciar a actuación para cubrir as necesidades de aparcadoiro e logo destes meses para decidir, a implicación do concello non é clara e non ten aceptado ou feitas consideracións ao convenio de colaboración proposto pola Xunta.

Na actualidade, o director da Axencia Galega de Infraestruturas explicou que o borrador do dito convenio está a ser obxecto de negociación entre o Concello e o ADIF polo que respecta a algunhas cuestións urbanísticas e de expropiacións, unha vez formalizado o convenio e feitas as actuacións precisas en materia urbanística por parte do concello podería licitarse a obra. A Xunta de Galicia dispón do orzamento consignado para acometer a terminal de autobuses.

Vivenda

Finalmente en materia de Vivenda, Francisco Menéndez destacou que, en febreiro de 2015, asinouse un convenio co Concello da Coruña no que se contemplaban a rehabilitación de vivendas e obras de urbanización e reurbanización na ARI do Casco Histórico con axudas por importe de case 712.0000 euros; e, en outubro de 2015, asinouse outro convenio asignando novos obxectivos ás ARI da Coruña, polo que, en total, asignouse un total de 1,2 millóns de euros en axudas para as áreas de rehabilitación da Coruña.

O concello decidiu que o importe íntegro das axudas se destinaría ás ARI do grupo de vivendas Santa Cristina (Palavea), o grupo de vivendas Os Mariñeiros e San Vicente de Elviña. Sinalou que os convenios asinados teñen anualidades 2015 e 2016 e a execución das axudas das Áreas de Rehabilitación Integral correspóndelle exclusivamente ao Concello.

Por outra parte, cómpre destacar que a Xunta está pagando o 50% dos custos de urbanización do parque Ofimático. Así mesmo, en 2016 licitarase a construción de 40 vivendas de promoción pública no Ofimático, cun investimento total previsto de 3,4 millóns de euros, dos que 1,04 millóns están no Orzamento de 2016. O IGVS adxudicou no pasado mes de maio a redacción dos proxectos básicos e de execución e a dirección desta obra por importe de 120.274 euros.

No caso da rehabilitación vivendas casco histórico de Betanzos, en novembro de 2015, o IGVS licitou a redacción dos proxectos e a dirección de obras de rehabilitación de tres edificios da súa propiedade emprazados no casco vello de Betanzos (rúa Clérigos 13, rúa da Cerca 9 e rúa da Cerca 13). A redacción dos proxectos foi adxudicada en marzo e abril de 2016. Nestes tres edificios obteranse oito vivendas e tres locais comerciais. Destinarase un orzamento total de arredor de 1 millón de euros á rehabilitación. Prevese licitar as obras de rehabilitación en 2016. Ademais, Betanzos conta cunha Área de Rehabilitación Integral no seu Casco Vello. Nos convenios asinados en outubro de 2015 non se lle asignaron obxectivos porque o Concello non presentou no prazo establecido a solicitude e documentación necesaria. Foi o único concello de Galicia, entre os que teñen área de rehabilitación, que non presentou a tempo a documentación, privando así aos propietarios de vivendas do Casco Vello de poder acceder ás axudas de rehabilitación de 2015-2016.

No caso da rehabilitación do edificio Sanatorio de Oza-Cesuras, Francisco Menéndez aclarou que este inmoble é de titularidade municipal, pero a Xunta de Galicia está disposta a estudar e a analizar a viabilidade de calquera uso posible para este inmoble, a petición do que demande o propio Concello de Oza-Cesuras.

23 de xuño de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.