A Xunta mellorará os percorridos e as paradas dos autobuses interurbanos no centro da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Rolda de prensa de Ethel Vázquez

Rolda de prensa de Ethel Vázquez

A Xunta de Galicia mellorará os percorridos e as paradas no centro da Coruña dos autobuses interurbanos, que rexistran 4,8 millóns de viaxes ao ano, beneficiando a área metropolitana e a propia cidade e dinamizando o comercio local. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, explicou hoxe en rolda de prensa o Plan de mellora da integración do transporte interurbano na cidade da Coruña.

Ethel Vázquez concretou que para a elaboración deste Plan de mellora da integración do transporte interurbano na cidade da Coruña se partiu dunha análise da oferta e da demanda actual e potencial- de servizos de transporte público en autobús urbano, interurbano e metropolitano, facendo especial fincapé nos percorridos das liñas, a localización de paradas, os horarios, as frecuencias dos servizos ou os tempos da viaxe.

Así mesmo, realizáronse enquisas e traballos de campo para “obter unha visión precisa da mobilidade dos usuarios dos servizos interurbanos e, especialmente, dos servizos metropolitanos, incluíndo orixes e destinos prioritarios ou transbordos realizados”.

Esa traballo permitiu concluir que actualmente, son 4,8 millóns de viaxes anuais as que se realizan de entrada e saída da Coruña a través 74 liñas interurbanas que acceden á cidade. A conselleira explicou que, na actualidade, a pesar de que a meirande parte das liñas de transporte interurbano teñen como o seu destino natural no centro da Coruña a estación de autobuses, tamén hai unha serie de paradas temporais no centro urbano ás que o autobús interurbano accede nun horario limitado, só ata as 9 da mañá, permitindo baixar viaxeiros pero non recollelos no centro urbano.

Deste xeito, ata as 9 da mañá existe unha boa accesibilidade cara ao centro urbano e cara a outras áreas da cidade pero despois desta hora a integración dos autobuses interurbanos no centro urbano se reduce significativamente, precisándose transbordos desde a estación de autobuses.

Segundo afirmou a conselleira, con este Plan prevese incrementar ata nun 10% os usuarios deste servizo de transporte público na área da Coruña, ata chegar aos 5,3 millóns de viaxes anuais. Destacou que se trata de facilitar as conexións en transporte público entre o centro da cidade e a área metropolitana porque supón beneficios tanto para os usuarios –ao reducir os seus tempos de percorrido– como para os veciños e empresarios da Coruña – que verán cómo circulan menos coches polo centro mentres que máis clientes se poden achegar ao pequeno comercio da cidade.

Como exemplo, sinalou que grazas a este Plan un veciño de Oleiros, en calquera das viaxes de autobús interurbano do día poderá acceder directamente e sen transbordos ao centro da Coruña, parando, por exemplo en Entrexardíns.

Implantación por fases

Con ese diagnóstico e para acadar esta mellora global da integración e da conectividade, o Plan da Xunta propón incrementar o número de expedicións que van cara ao centro urbano; ampliar o horario de acceso das liñas cara ao centro urbano; e a creación de novas paradas e percorridos que melloren a integración co transporte urbano de todas as liñas que acceden actualmente á cidade. E para iso seleccionáronse as liñas que accederán as paradas urbanas en función da súa ocupación e da súa proximidade coa cidade, propoñendo unha implantación en dúas fases.

A implantación da primeira fase do Plan permitirá que 33 liñas e o 84% dos viaxeiros ao ano poidan acceder directamente ao centro urbano. Así un total de 27 liñas terá acceso directo a Entrexardíns. E 6 liñas, con 186.000 viaxeiros anuais, poderán parar na Praza de Pontevedra. Ademais, 21 destas 33 liñas terán tamén paradas intermedias.

As liñas que non van ao centro urbano, esta primeira fase do Plan prevé que 27 liñas poidan parar no intercambiador de Catro Camiños antes de ir á estación de autobuses. Para isto, variarán o seu percorrido actual, pasando previamente por Catro Camiños antes da súa chegada á estación.

A implantación da segunda fase deste Plan permitirá incrementar a conectividade do transporte interurbano realizando ampliacións dalgunhas paradas existentes e potenciando Catro Camiños como intercambiador. Deste xeito, as 33 liñas que acceden directamente ao centro urbano farano parando previamente no intercambiador de Catro Camiños (tanto as que teñen chegada a Entrexardíns, como as que teñen chegada en Praza de Pontevedra).

Ademais, 41 liñas que non van ao centro urbano pararán en Catro Camiños antes de finalizar o seu percorrido na estación de autobuses.

A conselleira destacou que esta proposta de mellora ten por finalidade acadar unha maior eficiencia no transporte público, reducir os tempos de viaxe, eliminar transbordos na medida do posible e lograr unha maior accesibilidade do transporte interurbano no centro da cidade.

A titular de Infraestruturas resaltou que este Plan ten por obxecto fomentar o emprego do transporte público, impulsado xa polo Goberno galego a través de medidas que melloran as tarifas, os tempos de viaxe e a cobertura das liñas, e que ten o seu máximo expoñente no Plan de transporte metropolitano.

Un proceso dialogado

Ethel Vázquez resaltou a aposta da Xunta polo diálogo na implantación deste plan, que será remitido de forma inmediata ao concello da Coruña e ao resto dos municipios da comarca. O proxecto someterase a información pública e se enviará tamén a todos os operadores de transporte, para que trasladen as súas consideracións e achegas e poder enriquecer esta proposta inicial da Xunta.

21 de xuño de 2016 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.