publicidade hoxe

A Xunta licita as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-531 en Barro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroPontevedra
A-
A+

A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do director de Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron hoxe unha reunión co alcalde, Xosé Manuel Fernández; cos grupos municipais de Barro e cos representantes da plataforma veciñal sobre a licitación da mellora da seguridade viaria na estrada Pontevedra-Baión (PO-531) ao seu paso por este Concello pontevedrés, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Estes traballos contarán cun investimento da Xunta de máis de medio millón de euros e se iniciarán no último trimestre do ano.

Así mesmo, o Goberno galego xa ten definida a seguinte fase desta actuación, unha nova acción en materia de seguridade viaria na zona da Devesa, no termo municipal de Pontevedra e da que, este verán, terá o seu proxecto redactado.

Ethel Vázquez lembrou que “esta obra foi moi demandada e importante para este Concello, posto que supón máis seguridade na zona de acceso ao polígono de Sequeiros”.

Os traballos centraranse na construción dunha glorieta na zona de acceso á infraestrutura industrial, co fin de evitar os xiros que se producen desde o carril central actual, permitindo todos os movementos con seguridade; e que implicará unha significativa redución da velocidade na estrada, unha das principais causas de accidentalidade neste punto, xa que que rexistra unha elevada intensidade de tráfico”.

Por outra banda, Ethel Vázquez destacou que se levará a cabo a rehabilitación do firme no acceso ao polígono e ao núcleo de Sequeiros; e habilitaranse paradas de autobús e beirarrúas na zona da rotonda; renovarase a drenaxe e acometeranse melloras na iluminación e na sinalización.

Vázquez Mourelle aclarou que “temos acordado cos veciños e co Concello, noutros encontros, que imos seguir coa mellora progresiva da seguridade viaria desta estrada, conforme ás prioridades que eles mesmos nos trasladen”.

Así, nesta xuntanza tamén se lle comunicou á corporación e veciños que, en dúas semanas, comezarán os traballos de reforzo de firme na PO-531, para levalos a cabo en condicións meteorolóxicas favorables. Unha actuación que suporá un investimento de arredor de 280.000 € no firme desta estrada.

10 de xuño de 2016 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.