publicidade hoxe

A Xunta leva a campaña ‘O corazón está do teu lado’ a Palas de Rei para fomentar entre os cativos hábitos de seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe ao CEIP de Palas de Rei, no que os nenos de 1º e 2º de Primaria están a participar en actividades no marco da campaña educativa da Xunta que leva por lema ‘O corazón está do teu lado’, que ten como obxectivo fomentar hábitos e condutas seguras.

Vázquez Mourelle explicou que se trata da primeira campaña da Consellería de Infraestruturas para a educación viaria de nenos de 6 a 8 anos, coa colaboración da Consellería de Educación, que se inclúe dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020.

O Goberno galego distribuíu este curso unidades didácticas para que os profesores dispoñan do material idóneo para poder traballar cos nenos, así como dispositivos led en forma de corazón para concienciar aos cativos de que empreguen as sendas peonís; camiñen sempre pola marxe esquerda da estrada, polo lado do corazón; ou que se fagan ver o máximo posible aos vehículos que circulan pola vía para evitar accidentes.

A conselleira subliñou que o que se aprende de pequeno non se esquece nunca, por iso é fundamental que os nenos medren sendo conscientes da importancia que ten a seguridade viaria e o respecto polas normas de circulación.

A Xunta, mediante este programa, fixa o obxectivo de que os cativos coñezan todos os elementos que poden intervir na seguridade viaria e que se decaten da importancia que teñen feitos tan sinxelos como transitar polas sendas peonís ou cruzar sempre polos pasos de peóns. Así, os alumnos aprenderán que ao circular por unha vía pública, xa sexa a pé ou en coche, débense cumprir as normas, porque todos temos a nosa parte de responsabilidade para tratar de evitar os accidentes.

Ethel Vázquez concluíu que con esta campaña trabállase para que os máis novos se preocupen pola súa propia seguridade viaria e contribúan, deste xeito, tamén á seguridade dos demais.

10 de xuño de 2016 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.