A Xunta investirá 1,3 millóns de euros para previr os danos ocasionados polo xabaril
A Xunta de Galicia investirá ao redor de 1,3 millóns de euros no primeiro Plan de acción global contra os danos ocasionados polo xabaril. O obxectivo é previr e minimizar os danos que causa esta especie na comunidade autónoma, ao tempo que se preserva a conservación destes animais.
As conselleiras de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, presentaron hoxe en rolda de prensa esta iniciativa.
A poboación do xabaril é abundante en toda Galicia, constitúe un expoñente da rica biodiversidade da comunidade e é un elemento de equilibrio biolóxico no seu contorno. Polo tanto, trátase dun “animal importante para o medio natural” que, polas súas características propias –necesidades alimenticias ou gran capacidade para desprazarse-, ás veces provoca danos que afectan principalmente aos agricultores e ao tráfico rodado, explicou Mato. Segundo os últimos datos dispoñibles, as zonas con maior densidade de poboación da especie concéntranse no interior da Coruña e comarca de Ferrolterra; en en zonas do sur de Lugo e interior de Ourense.
Para facer fronte a esta situación, o Goberno galego impulsa “por vez primeira” un Plan de acción transversal, resultado dun traballo multidisciplinar no que tomaron parte as consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Infraestruturas e Vivenda e Medio Rural; o Ministerio de Fomento; a Dirección Xeral de Tráfico; a Garda Civil de Tráfico; e Federación galega de caza.
Este documento articúlase ao redor de catro eixos: accidentes de tráfico; danos producidos na agricultura; xestión e aproveitamento da especie; e educación e formación.
Medidas nas estradas
En canto ao primeiro deles, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda precisou que o plan recolle como unha das súas liñas estratéxicas a análise e posta en marcha de medidas para tratar de minimizar os sinistros de tráfico que provocan estes animais nas estradas galegas. Trátase de accións incluídas no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020 baixo o obxectivo de prevención de accidentes con fauna.
Para realizar estes traballos a Xunta conta coa información da Dirección Xeral de Tráfico: os rexistros das súas bases de datos relativos aos accidentes nos que se tivese identificado a presenza de animais, e máis concretamente do xabaril. O Goberno galego tamén se está a coordinar coa Universidade da Coruña para integrar os datos nun sistema de información xeográfica (SIX). A Consellería de Infraestruturas prevé que despois do verán se disporá da información que permitirá establecer o umbral de concentración de accidentes con animais, para determinar todas as zonas nas que se produza unha maior proporción de accidentes deste tipo.
Nunha segunda fase, unha vez definidas estas zonas, emprenderase a implantación de medidas correctoras, segundo o tipo de estrada da que se trate. Nas vías convencionais, onde resulta máis complexo evitar a entrada de animais á calzada, reforzarase a seguridade con actuacións orientadas a informar ao condutor do perigo, a través da colocación de sinalización específica que advirta da posible presenza de animais na vía. Nas estradas con accesos controlados colocaranse pasos de fauna nas estradas de novo trazado; construiranse vías de escape de fauna ou peches reforzados; utilizaranse repelentes ou atraentes para conducir aos animais cara aos pasos de fauna habilitados; e reforzarase a sinalización.
Vázquez Mourelle subliñou como medida máis novidosa a colocación de elementos disuasorios como captafaros reflectores, en concreto, xa hai catro tramos en probas, dous nunha vía de altas prestacións e outros dous en estradas convencionais. Estes dispositivos recollen a luz do vehículo, aínda a distancia, transformándoa en destelos que son enviados cara ás beiras da estrada. Deste xeito, inmobilízase á fauna no seu desprazamento, antes de que tente cruzar a estrada e moito antes de que o vehículo chegue á súa altura.
Dentro do Plan para paliar os danos ocasionados polo xabaril, desde a Consellería de Infraestruturas tamén se está a estudar a posibilidade de incorporar na aplicación para dispositivos móbiles da Dirección Xeral de Tráfico a identificación das zonas de concentración de accidentes por animais. Deste xeito, os condutores poderían ter información en tempo real cando circulasen por algunha destas zonas e incluso disporían de datos segundo as horas, os días da semana ou os meses nos que se teñan detectado maior número de sinistros por presenza de xabarís.
Liñas de axudas
O segundo dos eixos refírese aos danos producidos na agricultura. Actualmente, desde a Consellería de Medio Ambiente estase a realizar un seguimento continuo destes danos, co obxectivo de reducir os tempos de resposta antes os mesmos. Ademais, Mato anunciou que está previsto poñer en marcha de xeito inmediato, este mesmo mes, dúas liñas de axuda: unha de carácter compensatorio, parar reparar os danos directos sobre os cultivos agrarios, dotada con 600.000 euros; e outra para fomentar a adquisición de métodos de prevención como pastores eléctricos, cun orzamento total de 400.000 euros, dos que 250.000 euros irán destinados exclusivamente ao xabaril.
Ao respecto, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, salientou que a Consellería do Medio Rural vai incrementar do 9,38 ao 20% a porcentaxe de axudas para subscribir seguros dentro da liña de cobertura de danos á agricultura, sempre para agricultores que se dediquen a esta actividade de forma profesional e estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Con esta achega e a parte que financia o Goberno Central, a cobertura chega ata o 47% do importe das pólizas.
Ademais, a directora xeral anunciou a próxima posta en marcha dunha campaña, en colaboración con Agroseguro, para promocionar estas liñas de seguros agrícolas e sinalou que Medio Rural vai propoñer ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para mellorar a cobertura dos danos por fauna silvestre.
A terceira liña de actuación céntrase na xestión e aproveitamento da especie, facendo especial fincapé na protección dos espazos naturais. Neste eixo desenvolveranse, entre outras, tres medidas concretas: optimización do esforzo cinexético sobre o xabaril a través dunha rigorosa análise dos períodos hábiles de caza; fomento de campañas contra o furtivismo; e mellora da xestión dos espazos naturais protexidos. Todas estes proxectos desenvolveranse ao longo do verán e do outono.
Cabe destacar que para esta tempada de caza están planificadas inicialmente preto de 37.000 batidas (9.243 na Coruña; 10.969 en Lugo; 12.653 en Ourense; e 4.046 en Pontevedra). Na anterior temporada de caza, tíñanse autorizadas unhas 25.000. “No marco do Plan, autorizaranse todas as accións de caza que soliciten os tecores para tratar de minimizar os danos sobre os cultivos, de acordo cos requisitos establecidos na normativa reguladora desta actividade”, explicou Mato.
Xa por último, o Plan contempla no seu último eixo abordar a educación e a formación, especialmente daqueles colectivos que manteñen actividades relacionadas co xabaril. Neste eido está previsto repartir no último trimestre do ano material informativo sobre as medidas deste Plan, e traballarase do sector cinexético para mellorar a organización das batidas, para conseguir que os animais se afasten das vías de alta capacidade.
En definitiva, a conselleira de Medio Ambiente salientou que esta iniciativa é unha proba máis do compromiso da Xunta coa “coordinación e a eficiencia”, e co esforzo continuo por seguir reforzando a prevención e a minimización de danos ocasionados por esta especie.











