publicidade hoxe

A Xunta inicia obras de mellora no firme da variante de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarínPontevedra
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda iniciou hoxe, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a colocación do microaglomerado previsto entre os PQ 6+400 e o 7+400 na Variante de Marín (VG-4.4).

Nos últimos días, fíxose unha medición do estado do firme e, a pesar de que os os valores rexistrados acadaban os niveis esixidos, acométese esta para incrementar a adherencia nese tramo.

Todos estes traballos teñen como único fin beneficiar aos automobilistas, mellorando as condicións de circulación nunha vía que está aberta ao tráfico na súa totalidade dende o ano 2012, e que cada ano soporta unha maior cantidade de tráfico, sobre todo nos meses de verán.

A Variante de Marín é unha vía de altas prestacións e polo tanto moito máis segura que unha estrada convencional, a pesar de ser unha vía cun carril para cada sentido de circulación.

Non obstante, o Goberno galego está a traballar na súa mellora, posto que a seguridade viaria é unha prioridade absoluta para a Consellería de Infraestruturas e por ese motivo estase a analizar a posibilidade de actuar para reforzar esa seguridade na variante de Marín, como facemos en todas as vías da rede autonómica de estradas.

O Executivo autonómico continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

2 de xuño de 2016 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.