publicidade hoxe

A Xunta inicia as obras de execución do segundo treito da autovía do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMeira
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia hoxe as obras de execución do segundo tramo da autovía do Morrazo, desde o enlace de Domaio ata o de Meira.

A Xunta adxudicou recentemente as obras do segundo treito á empresa DRAGADOS, S.A. por máis de 13,3 millóns de euros e estableceuse un prazo de execución de 18 meses.

Os primeiros traballos, que se levarán a cabo na xornada de hoxe, centraranse na cautela arqueolóxica, realizando balizados nas zonas correspondentes. As obras posteriores incluirán o desdobramento, a remodelación dos enlaces, o duplicado do viaduto da Mó, ampliación de pasos inferiores e un superior.

Cómpre lembrar que as obras continúan avanzando no primeiro treito da autovía, entre Rande e o enlace de Domaio, un intervalo de 3,2 quilómetros. Estes traballos, que comezaron no pasado mes de outubro teñen un investimento de arredor de 20 millóns de euros.

Na actualidade neste tramo estanse executando a escavación do castro de Montealegre, os estribos no viaduto da Moura, camiños de acceso ás pilas deste viaduto e movemento de terras no enlace de Domaio.

No Goberno galego tamén se está a traballar na redacción do proxecto construtivo do treito terceiro, entre o enlace de Meira e o 1º enlace de Cangas. A entrega do proxecto por parte do equipo redactor está prevista para o mes de xullo, o que permitirá, a continuación, proceder á súa supervisión.

A Xunta está a realizar un esforzo investidor para dotar a esta comarca dunha autovía libre de peaxe que aumentará a capacidade do corredor actual, redundará en maior seguridade viaria, incrementará a calidade de vida dos veciños e o dinamismo económico da zona.

29 de xuño de 2016 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.