A Xunta impulsa en Lugo a formación para que as persoas con discapacidade accedan ao mercado laboral
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Lugo a aula formativa da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e as instalacións do Centro Especial de Emprego Granfico, dedicado ao deseño dos traballos de impresión, onde destacou a aposta da Xunta pola formación e o emprego de calidade no colectivo de persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Toca salientou que a Administración autonómica apoia este ano a formación para desempregados de Cogami co financiamento de preto de 270.000 euros para o desenvolvemento de 7 cursos orientados aos novos perfís profesionais que está requirindo o mercado laboral. Hoxe mesmo iniciouse unha destas accións formativas, en concreto, na especialidade de auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría.
A esta formación sumaranse dous cursos en xestión administrativa, dous sobre operacións de gravación e tratamento de datos e outros dous sobre operacións auxiliares de servizos administrativos centrais
A secretaria xeral sinalou que o emprego inclusivo é unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, unha folla de ruta coa que o Goberno galego está a promover a estabilidade e a calidade no mercado laboral. “Queremos poñer o acento nas capacidades e habilidades das persoas e, para iso, a Administración conta con diversas ferramentas”, apuntou Toca.
Neste senso, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 25 millóns de euros para apoiar a integración e mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade a través de diversos programas como o Aprol de incentivos á contratación, as lanzadeiras de emprego para o fomento do emprendemento e autoemprego e as axudas ás empresas de inserción laboral e para a contratación de desempregados en risco de exclusión social.
Por último, Toca resaltou que nesta aposta da Xunta polo emprego inclusivo son fundamentais os centros especias de emprego que o Goberno galego está a respaldar impulsando a posta en marcha e mantemento das súas instalacións e axudándolles a afrontar os custes salariais dos seus traballadores e traballadoras.











