A Xunta financiará 19 obradoiros de emprego na provincia de Lugo
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, informou hoxe en rolda de prensa de que 51 concellos da provincia de Lugo desenvolverán ao longo dos vindeiros meses un total de 19 obradoiros de emprego destinados a persoas en situación de desemprego, tres deles exclusivamente para menores de 30 anos. Ao desenvolvemento destas iniciativas destinaranse algo máis de 3,2 millóns de euros, un investimento que supera en máis dun millón de euros ao do ano anterior. Entre obradoiros e lanzadeiras, poderán beneficiarse dos proxectos preto de 600 persoas, incrementándose en máis de cen os beneficiarios de 2015.
A consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa estes programas mixtos que combinan formación e emprego, e que terán unha duración de seis meses, “co obxectivo de mellorar a aprendizaxe, a cualificación e a adquisición de experiencia profesional dos traballadores-alumnos beneficiarios”, tal e como explicou a delegada.
Arias sinalou que, deste xeito, “as persoas desempregadas que participen nas accións formativas ampliarán ou adquirirán coñecementos nalgunha especialidade profesional e mellorarán o seu currículo ao realizar un traballo que, ademais, será remunerado”.
Ao rematar os obradoiros, a experiencia formativa e laboral seralles acreditada cun certificado de profesionalidade que poderán presentar nun futuro ante os seus posibles empregadores.
Tres dos 19 obradoiros que se desenvolverán na provincia, están especialmente dirixidos a menores de 30 anos e englóbanse dentro dunha iniciativa do sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Perseguen o obxectivo específico de mellorar o nivel da competencia profesional dos mozos, polo que as actividades prácticas que desenvolverán estarán directamente vinculadas coa súa formación ou titulación previa.
A Deputación, o Concello de Lugo e o Concello do Saviñao, en colaboración cos de Sober e Pantón, serán os promotores destes talleres orientados exclusivamente a mozos e mozas, segundo dixo a delegada da Xunta.
En case todos os casos, as accións prácticas programadas nos obradoiros centraranse na realización de obras ou na prestación de servizos de interese xeral e social, de maneira que os veciños dos municipios nos que se leven a cabo os traballos se beneficiarán coa iniciativa.
Cabe destacar que os proxectos relacionados coa rehabilitación e mellora de infraestruturas públicas e de espazos ambientais foron especialmente valorados no proceso de concesión dos obradoiros.
Raquel Arias quixo facer fincapé “no compromiso asumido pola Xunta para mellorar a cualificación laboral das persoas desempregadas co fin de ofrecerlles maiores posibilidades de inserción no mercado laboral”, e considerou “de vital importancia” a colaboración entre Administracións, neste caso entre a Xunta, concellos e Deputación de Lugo, para asegurar o éxito destas iniciativas.
Os proxectos seleccionados nesta última convocatoria foron os presentadas polos concellos de Antas de Ulla, en colaboración con Monterroso, Palas de Rei e Taboada; Monforte de Lemos; Vilalba, en colaboración con Abadín; Castroverde, en colaboración con Baleira, A Pastoriza, Pol e Riotorto; Becerreá, en colaboración cos concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro; Chantada, en colaboración con Carballedo; Láncara, coa colaboración dos municipios de Baralla, As Nogais e Triacastela; Cospeito, en colaboración con Castro de Rei e Outeiro de Rei; Guntín, en colaboración co Corgo e O Páramo; Foz, coa colaboración dos concellos de Alfoz, Mondoñedo e Valadouro; Friol, que colabora cos municipios de Begonte e Rábade; Folgoso do Courel, en colaboración con Quiroga e Ribas de Sil; A Fonsagrada, colaborando cos concellos da Pontenova e Negueira de Muñiz; Barreiros, coa cooperación da Lourenzá e Trabada; O Vicedo, en colaboración con Ourol e Muras; e, finalmente, o municipio de Lugo.
Lanzadeiras de emprego
A consellería introduce este ano as lanzadeiras de emprego, a cuxa posta en marcha destinaranse, na provincia de Lugo, 350.000 euros. Trátase de proxectos formativos encamiñados, ao igual que os obradoiros, a mellorar a empregabilidade das persoas participantes, pero neste caso “impulsando a proactividade na búsqueda do posto de traballo e mesmo explorando as posibilidades de autoemprego”, segundo explicou a delegada territorial.
“A Xunta poñerá en marcha tres lanzadeiras de emprego na provincia de Lugo, contando coa colaboración dos concellos para conseguir mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dos seus veciños, que se centrarán fundamentalmente na promoción do emprendemento e a creación de novas empresas”, dixo Arias.
O Concello de Begonte en colaboración co de Friol e Rábade; a Mancomunidade da Mariña e a dos municipios da Terra Chá desenvolverán os tres programas asignados á provincia de Lugo. A formación impartida xirará en torno a plans integrais que combinan accións de natureza tan diversa como a orientación e o asesoramento, a formación, as prácticas laborais e a mobilidade xeográfica.
Así, en cada lanzadeira, os participantes poderán reforzar as súas competencias e descubrir posibilidades encamiñadas a atopar un posto de traballo ou crear o seu propio proxecto empresarial.
“Esta nova iniciativa do Goberno galego establece uns esixentes obxectivos de inserción laboral, buscándose acadar unha tasa de empregabilidade como mínimo do 25% dos traballadores-alumnos participantes”, concluíu a delegada.











