publicidade hoxe

A Xunta distribuirá 100.000 folletos e 4.000 carteis informativos sobre os produtos fitosanitarios para usar sen carné

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOutes
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita ao curso para a obtención de carné de fitosanitarios en Outes

Ángeles Vázquez na visita ao curso para a obtención de carné de fitosanitarios en Outes

A consellería do Medio Rural distribuirá un total de 100.000 folletos despregables e 4.000 carteis con información sobre os produtos fitosanitarios que poden ser utilizados polos usuarios non profesionais para os principais cultivos da nosa agricultura sen necesidade de obter o carné de manipulador-aplicador deste tipo de produtos. Así o destacou esta mañá en Outes a conselleira Ángeles Vázquez durante o inicio dun curso para a obtención de dito carné.

Esta iniciativa forma parte da campaña de divulgación do uso de fitosanitarios e sobre a existencia no mercado de produtos non profesionais que os cidadáns poden usar sen necesidade de obter este carné. O material informativo céntrase nos principais cultivos da nosa agricultura, como son os da pataca, vide, cebola, leituga, pemento e tomate.

A conselleira explicou que estes folletos e carteis serán distribuídos entre os 314 concellos da comunidade, as 67 Oficinas Agrarias Comarcais, os 6 Centros de Formación e Experimentación Agroforestal, os Centros de investigación e Estacións Experimentais da Consellería do Medio Rural e as principais asociacións e entidades asociativas do sector.

Os folletos están dirixidos especialmente a aquelas unidades que teñan tarefas de extensión agraria para dar información directamente aos agricultores, gandeiros e silvicultores. Estes despregables van enfocados aos cidadáns que non necesitan ter o carné de fitosanitarios para poder dar os tratamento nas súas hortas de autoconsumo ou nos seus xardíns particulares.

Os carteis teñen como finalidade dar información dos tratamentos concretos que se poden aplicar aos principais cultivos das hortas sen ter o carné de fitosanitarios. Para cada un destes cultivos explícase cales son as enfermidades ou pragas mais comúns e que tratamento se lles pode aplicar.

Durante este ano 2016, a consellería de Medio Rural distribuíu xa un total de 50.000 trípticos con información dirixida aos usuarios profesionais de produtos fitosanitarios, onde se aclaraba quen debía posuír o carné para o seu uso e como se podía obter dita acreditación. A distribución destes primeiros trípticos realizouse no mes de febreiro e ao longo do primeiro cuadrimestre deste ano.

Esta campaña enmárcase na difusión das normas para o uso sustentable de produtos fitosanitarios, segundo o establecido no Real Decreto 1311/2012, do 14 de setembro, e dentro do Plan de Acción Nacional para o uso sustentable destes produtos.

Carnés expedidos

No que levamos de ano, a consellería expediu un total de 10.945 carnés de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios, entre o nivel básico e o cualificado, sendo a cifra do ano pasado de 7.800.

Os cursos impartidos para a súa obtención polo departamento que dirixe Ángeles Vázquez foron máis de 380 en 2016, aos que hai que sumarlle outros 1.086 organizados por entidades colaboradoras. Para que toda a xente que o precise poida realizar estes cursos, a consellería puxo en funcionamento o pasado mes de abril un aula móbil de formación con capacidade para 30 alumnos que conta cos medios audiovisuais precisos para impartir, de xeito máis didáctico, as materias e poder realizar as pertinentes prácticas. Os cursos de formación estanse dando en horario de maña e tarde para que os alumnos poidan compatibilizar a súa asistencia coas actividades agrícolas da zona. Cada curso terá unha duración de 25 horas, das cales 9 serán prácticas.

A maiores, e dada a gran afluencia de solicitantes en materia de requisitos para utilización destes produtos fitosanitarios que se deu a partires do requirimento, Medio Rural decidiu organizar charlas informativas para deixar claro quen ten a obriga de sacar dito carné. Dende que entramos no 2016, foron máis dun centenar as charlas realizadas pola xeografía galega, dando cobertura a máis de 3.700 persoas.

Por outra banda, para facilitar a compra e uso de produtos fitosanitarios en tanto se expide o correspondente carné de manipulador, a consellería emitiu unha Resolución pola que se ditan instrucións relativas ao procedemento para a expedición e renovación do carné básico de manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios.

Desta forma, e en tanto non se expide o correspondente carné, poderanse comprar e usar ditos produtos mediante a xustificación de que se está en posesión da formación pertinente coa presentación do certificado emitido pola entidade de formación autorizada -ben sexa da Xunta ou das entidades colaboradoras- e co xustificante da presentación da solicitude de emisión do carné ante as autoridades competentes.

Así mesmo, para o caso de renovación de carnés de nivel básico, dita renovación farase de forma automática coa presentación previa de dita solicitude e presentando o carné antigo. Neste senso, cabe lembrar que as renovacións de carnés son cada 10 anos.

15 de xuño de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.