A Xunta destaca o papel protagonista dos emprendedores na recuperación e o desenvolvemento da economía galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe na cidade capitalina á clausura do I Congreso da Microempresa galega: “Galicia Emprende, Galicia Camina”, onde salientou que os profesionais emprendedores son un dos alicerces fundamentais sobre os que debe desenvolverse a economía de futuro de Galicia.

O titular da Vicepresidencia, indicou que a nosa sociedade necesita actividade emprendedora, e subliñou a importancia que teñen os autónomos en xeral e os emprendedores en particular, no tecido socioeconómico galego no papel protagonista que están a xogar na recuperación económica. Así, avogou por camiñar cara un modelo económico onde se desenvolva un novo tecido económico, xa que a economía ten, polo tanto, que reconstruírse, e hai que enfocala cara novos sectores, cara novos proxectos e cara novos modelos de negocio.

A tarefa do emprendedor é, por tanto, fundamental nunha sociedade moderna e aberta, xa que nunha sociedade dinámica as demandas mudan, os procesos cambian e é necesario un entorno libre e competitivo para que o tecido produtivo se vaia orientando, progresivamente, a eses novos fins, polo que a base da nosa organización social, son os emprendedores.

Dende a Xunta estase a apoiar toda iniciativa que dea o recoñecemento social que merecen ás persoas que se atreven, que arriscan e que emprenden, e lembrou que grazas aos cambios da Lei de emprendemento, foron eliminados con carácter xeral a necesidade de licenza municipal previa, suprimindo así un importante atranco administrativo, facendo o control dos requisitos a posteriori, polo que non se obstaculiza o arranque do negocio. Ademais, as Unidades Galicia Emprende ofrecen unha garantía legal dun apoio da administración a través do asesoramento que xa fixeron nestes anos máis de 500 proxectos.

Este ano aprobouse tamén a Lei de economía social, para facilitar a constitución de cooperativas, especialmente entre a mocidade, e darlle por tanto un abano máis amplo de opcións a toda esa xente que ten ideas e proxectos e que só necesita o impulso e os apoios para poñelos en marcha.

3 de xuño de 2016 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.