A Xunta dedica sete millóns de euros a mellorar as instalacións dos centros de ensino da provincia de Lugo
Preto de sete millóns de euros dedicará a Xunta de Galicia a mellorar as instalacións educativas da provincia. Así o asegurou hoxe a delegada territorial da Xunta, quen cuantificou en 127 as actuacións previstas: “boa parte delas xa executadas”, dixo. Unhas actuación das que se beneficiarán 94 centros de ensino, en 46 concellos. Entre eles, Raquel Arias salientou a capital, posto que Lugo, segundo dixo, “é a destinataria do 57,5 por cento do investimento destinado para toda a provincia”.
As principais reformas refírense á eficiencia enerxética, á reparación de cubertas e á ampliación de centros e execución de obra nova, principalmente en centros de Formación Profesional. “A aposta da Xunta pola FP ponse de manifesto tamén no investimento dedicado ós centros que a albergan”, puntualizou a delegada territorial.
Na cidade de Lugo
“A trintena de actuacións fixadas supoñen, en conxunto, 3.927.979,85 euros, convertendo a Lugo na cidade de Galicia que máis investimento aglutina na programación de obras realizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para este ano”.
A delegada territorial detallou que a reforma que se está a efectuar no CIFP As Mercedes supoñen este ano un custe de 1.727.641 euros; que as actuacións previstas no CEIP As Mercedes para incrementar o número de aulas ascenden a 462.501 euros; e que a construción dunhas novas dependencias para o Sagrado Corazón, teñen asignada unha partida de 523.885 euros para este ano aínda que a montante total ascende a preto de tres millóns de euros.
“Tanto no caso do CEIP As Mercedes como no Sagrado Corazón”, recordou, “as obras están pendentes de execución á espera de que o Concello resolva o Estudo de Detalle, no primeiro caso; e, no segundo, poña a disposición da Xunta os terreos necesarios”.
Outros centros beneficiados, “cuxas obras tentaremos, se é posible, que estean rematadas en setembro”, son o CIFP Politécnico, ó que se destinan 100.000 euros para adecuar os talleres de protésico dental; así como o IES Ollos Grandes, o CEIP Ballesteros, o IES Lucus Augusti e a Escola de Artes Ramón Falcón nos que se farán obras nas cubertas por un importe global de máis de 300.000 euros.
Tamén o CEIP Illa Verde será obxecto de melloras. Neste caso investiranse 35.000 euros en arranxar os baños e o aulario infantil; e o IES Sanxillao, onde se reparará o chan do ximnasio para o que se consignaron 30.000 euros.
“Un ensino de calidade, ademais dunha boa docencia e un alumnado predisposto e aberto a aprender, require instalacións axeitadas: confortables, accesibles e dotadas do equipamento preciso”, salientou a delegada da Xunta.
Fondos e plans
Raquel Arias pormenorizou que os 6.823.244,05 euros que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina este ano a mellorar as instalacións educativas da provincia proveñen dos fondos consignados baixo a denominación de RAM, do Plan de mellora das infraestruturas educativas 2015-2020, así como a cargo dos recursos adicionais obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade.
As 58 actuacións previstas no RAM están xa, segundo dixo, practicamente todas executadas. Restan por facer tres obras que, pola súa envergadura e para evitar que interferiran na actividade académica, levaranse a cabo durante as vacacións.
É o caso do CEIP Plurilingüe do Corgo onde se vai reparar a cuberta; ao igual que no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela e o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo.
As do Plan de infraestruturas, media ducia de actuacións por importe de 4,1 millóns de euros, corresponden á reforma do CIFF e do CEIP As Mercedes e ó Sagrado Corazón, en Lugo; e ó IES María Sarmiento, en Viveiro, que están a piques de dar comezo (411.112 euros). E están en proceso de licitación as rehabilitacións integrais do CPI Luis Díaz Moreno, en Baralla, (496.712 euros) e do CEIP Rosalía de Castro, en Lugo (case 500.000 euros).
No que atinxe ós Fondos por superávit, que engloban algo máis de medio cento de actuacións nas que se investirán 2,2 millóns de euros, estase a preparar toda a documentación para que poidan saír a licitación canto antes. “A nosa intención é que maior parte delas poidan estar rematadas antes do inicio do vindeiro curso”, indicou.











