A Xunta convoca ao Concello de Vigo a unha reunión para concretar o apoio autonómico ao servizo de autobús ao aeroporto de Peinador
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, remitiu hoxe unha misiva ao Concello de Vigo na que se solicita unha reunión nas vindeiras semanas para concretar o apoio autonómico ao servizo municipal de autobús ao aeroporto de Peinador.
O Goberno galego sinala que tras a análise da proposta de servizo de autobús ao aeroporto remitido por parte do Concello de Vigo aprécianse elementos que poderían supoñen melloras respecto da situación actual, xa que van na dirección de atopar unha solución eficaz que mellore o servizo. Entre estas cuestións atópanse a amplitude do horario para atender a totalidade de voos do aeroporto, sobre todo os de última hora, ou a garantía da intermodalidade coa conexión cos principais nós de transporte.
Nesta misiva, dende o Executivo autonómico tamén lle precisan ao municipio que existen outros elementos na proposta que non redundarían na mellora da situación actual. Neste sentido, indícase que se debería analizar se un autobús circular con frecuencias dunha hora sería axeitado cando xa está funcionando na actualidade a liña L9A con intervalos de media hora.
Os técnicos da Dirección Xeral de Mobilidade consideran que para analizar de xeito rigoroso o servizo proposto coa fin de acadar unha mellora nos desprazamentos dos cidadáns, cómpre unha maior concreción de diferentes aspectos, así como a remisión da información complementaria empregada para a súa elaboración, como por exemplo, estudos de demanda de tráficos ou a análise comparativa respecto da liña Express preexistente.











