A Xunta confirma o seu interese por financiar a mellora do servizo municipal de autobús a Peinador
O Goberno galego confirmou hoxe o seu máximo interese por financiar a mellora do servizo municipal de autobús a Peinador e reiterou a necesidade de que o Concello achegue a documentación necesaria para materializar esa optimización do servizo. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, reuníronse hoxe con representantes do Concello, aos que lle trasladaron que a Xunta xa está a traballar para habilitar o investimento preciso para mellorar o servizo de autobús, polo que é imprescindible que remitan canto antes a documentación necesaria para avanzar na tramitación do convenio.
López-Chaves subliñou que o Concello debe achegar información relativa a cuestións técnicas como o número de usuarios, os tempos de percorridos, tarifas ou mesmo datos sobre a liña Express, para comprobar as carencias deste servizo e poder aplicar as optimizacións necesarias.
O Goberno galego volveu poñer de manifesto o seu compromiso de apoiar a mellora do servizo municipal de autobús ao aeroporto. Neste sentido, a directora salientou que a Xunta aposta por mellorar a competitividade dos aeroportos galegos, traballando para que as terminais sexan máis accesibles, é dicir, para que a calquera cidadán lle sexa máis doado chegar a un aeroporto mediante o transporte público.
Dende a Xunta establécese un triplo obxectivo imprescindible para este servizo: ofrecer frecuencias e horarios axeitados, tempos de percorrido atractivos para os usuarios tanto nos traxectos de ida como de volta e que, ademais do aeroporto, permita conectar entre si a estación de autobuses e as dúas de ferrocarril.











