publicidade hoxe

A Xunta concede ao Concello de Soutomaior o obradoiro Hostalería Verdugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá o Concello de Soutomaior con motivo da resolución dos obradoiros de emprego (OOEE) para beneficio dos concellos pertencentes a área territorial de Vigo, como é o caso de Soutomaior, onde impartirase o obradoiro Hostalería Verdugo.

Nunha xuntanza co seu alcalde, Agustín Reguera, e co xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, explicaron que este obradoiro contará con dúas especialidades: operacións básicas de cociña e servizos de restaurante e bar. O persoal a cargo do curso estará formado por un director, un titor e persoal administrativo de apoio. O fin deste programa mixto de formación e emprego é a difusión da cociña típica do Concello e, coma resaltou o rexedor de Soutomaior, a promoción de bos hábitos alimenticios para pequenos e maiores. Ademais, coma outra particularidade importante, pretende ofrecer servizo de comedor social en colaboración con Cáritas.

A duración do obradoiro é de 6 meses, período no que se beneficiarán deste programa mixto de formación e emprego un total de 20 persoas desempregadas do municipio. Debe comezar antes de que remate o mes de setembro e vai dirixido a maiores de 25 anos.

O alcalde do municipio cualificou esta iniciativa de “oportunidade moi importante” para que 20 persoas desempregadas de Soutomaior “poidan acadar unha formación tan necesaria” que lles permita acceder ao mercado laboral. Así, animou aos veciños e veciñas a solicitar a súa inclusión no procedemento de selección de alumnos. Para isto, deben estar inscritos na oficina de emprego de Redondela.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver os Obradoiros dirixidos aos concellos, que se diferenciaran en ordinarios e de garantía xuvenil, estes últimos para menores de 30 anos. Concedéronse 8 obradoiros ordinarios e 4 de garantía xuvenil para un total de 10 concellos da área metropolitana. O delegado resaltou este feito destacando a “preocupación” da Xunta de Galicia “pola creación de emprego”.

Os mesmos céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

As partidas orzamentarias que a Xunta destina para cada un dos obradoiros ordinarios é de 180.000 euros, como é caso de Soutomaior, e de 130.000 euros por cada obradoiro xuvenil, chegando a un total de 1.956.212,6 euros investidos nos 12 obradoiros dos concellos da área metropolitana. O delegado territorial resaltou que respecto ao ano anterior isto supón “un aumento das persoas beneficiarias” e a aposta do Goberno galego pola “formación e capacitación no traballo nos meses que duran estes programas”. “Supón un incremento dun 60% con respecto ao ano 2015”, insistiu López-Chaves.

Destacou tamén a dobre finalidade destes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan formación” á vez que son “unha ocupación para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas desempregadas.

Ademais do Concello de Soutomaior, os municipios beneficiados da área metropolitana onde se impartirán os obradoiros son Vigo, O Porriño, Cangas, Mos, Moaña –Padroado Municipal de Beiramar-, Redondela e os tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar). Os xuvenís terán lugar en Vigo, Redondela, Mos e Val Miñor. En total se verán beneficiadas 220 persoas en situación de desemprego das que 160 realizarán as súas tarefas nos OOEE ordinarios e 60 nos de garantía xuvenil co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral.

29 de xuño de 2016 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.