A Xunta comunica a resolución dos obradoiros de emprego para ampliar as oportunidades laborais de 220 desempregados nos concellos da área territorial de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá en rolda de prensa da resolución dos obradoiros de emprego (OOEE) para beneficio dos concellos pertencentes a área territorial de Vigo e cos que se pretenden ampliar as oportunidades laborais de 220 persoas desempregadas.

López-Chaves destacou a dobre finalidade destes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan formación” á vez que son unha unha ocupación para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego.

A duración dos obradoiros é de 6 meses e diferenciaranse en ordinarios e de garantía xuvenil para menores de 30 anos. A Xunta comunicará dende hoxe a resolución dos mesmos aos municipios e, coma explicou o delegado, concedéronse oito obradoiros ordinarios e catro de garantía xuvenil para un total de 10 concellos da área metropolitana.

Os municipios beneficiados onde se impartirán os obradoiros son Vigo, Soutomaior, O Porriño, Cangas, Mos, Moaña –Patroado Municipal de Beiramar-, Redondela e os tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar). Os xuvenís terán lugar en Vigo, Redondela, Mos e Val Miñor. En total se verán beneficiados 220 persoas en situación de desemprego das que 160 realizarán as súas tarefas nos OOEE ordinarios e 60 nos de garantía xuvenil co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

As partidas orzamentarias que a Xunta destina para cada un dos obradoiros ordinarios é de 180.000 euros e de 130.000 euros por cada obradoiro xuvenil. O delegado territorial resaltou que isto supón “un aumento das persoas beneficiarias” e a aposta do Goberno galego pola “formación e capacitación no traballo nos meses que duran estes programas”.

Autobús a Peinador

Respectivamente o asunto do autobús a Peinador, López-Chaves declarou que “se fose competencia da Xunta xa estaría en marcha”. O problema en Vigo, coma dixo, e a diferencia do que sucede en Santiago, é que ao tratarse dun autobús interurbano é o Concello de Vigo o que ten competencias neste asunto. É labor do concello actuar como “intermediario” entre a empresa concesionaria Vitrasa e a Xunta.

8 de xuño de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.