A Xunta colabora na décima edición das xornadas organizadas por Expourense para o fomento do uso das enerxías renovables

Marisol Díaz na presentación do evento
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na rolda de prensa que serviu de presentación da X Xornada de Divulgación das Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética que terá lugar o vindeiro xoves, día 16, no recinto feiral de Expourense.
Díaz Mouteira destacou a importancia da promulgación e difusión do uso de enerxías limpas como eixo básico para o futuro enerxético de Galicia. Neste senso, a delegada territorial afirmou que a eficiencia enerxética e o impulso das fontes renovables se configuran como dous dos piares básicos de actuación na política enerxética do Goberno galego. Así, lembrou, o Goberno galego está a promover a Estratexia de Impulso da Biomasa Forestal co obxectivo de potenciar o uso dunha “enerxía limpa, capaz de reducir a dependencia enerxética de Galicia dos derivados do petróleo; de mellorar a xestión e o rendemento dos montes galegos, contribuíndo á prevención de incendios forestais; de impulsar o aforro e a eficiencia enerxética; e de protexer o medio natural”.
A delegada territorial indicou que as actuacións previstas para este ano permitirán mobilizar “24 millóns de euros potenciando unha nova industria ao servizo da recuperación económica” e aproveitando “todo o potencial dos nosos montes”. Apuntou que desde a posta en marcha da Estratexia téñense instalado xa 2.000 caldeiras na Comunidade, favorecendo o “despegue da biomasa como fonte de enerxía de presente e de futuro”.
No marco da aposta pola biomasa, destínase unha partida de case 5,5 millóns de euros para fomentar o emprego da biomasa no tecido empresarial galego e na propia Administración, e outra de 3 millóns, contemplada no Plan de Vivenda Eficiente, para a implantación de caldeiras de biomasa no rural galego.
Esta xornada, organizada por Expourense coa asesoría da empresa Investigación Geotérmica (INGEO), conta co apoio do Igape e está dirixida a profesionais do sector.











