A Xunta aposta por converter a Vigo en referencia mundial da biotecnoloxía azul

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Intervención de Francisco Conde na xornada “O desenvolvemento do sector Bio de Galicia”

Intervención de Francisco Conde na xornada “O desenvolvemento do sector Bio de Galicia”

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou hoxe por converter a Vigo nunha referencia mundial da chamada biotecnoloxía azul cun esforzo que, no marco da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020 da Xunta, sume o impulso dos centros de coñecemento e o porto vigués.

Conde participou na xornada O desenvolvemento do sector Bio de Galicia, organizada por Faro de Vigo, onde apuntou os atractivos desta rama da biotecnoloxía que busca avanzar a partir dos recursos do mar e a acuicultura, desenvolvendo produtos e aplicacións de interese industrial en eidos como os sectores pesqueiro e conserveiro, pero tamén impulsando outros como a sanidade, a depuración, os biomateriais, a cosmética, ou a agricultura. É un eido no que Vigo xa ten avanzado grazas aos esforzos da Universidade coa súa iniciativa do ETEA; do porto de Vigo, co seu proxecto Blue Growth; e do Centro de Investigacións Mariñas do CSIC, lembrou o conselleiro, creando “o caldo de cultivo apropiado” para acadar esta meta.

A biotecnoloxía azul, resaltou Conde, é só un exemplo de como o sector Bio pode servir de panca para outras partes da economía. Neste senso, apuntou que os obxectivos da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía non se limitan a un único sector en sentido estrito, “porque un dos grandes potenciais que ten a biotecnoloxía galega é a súa capacidade para facer de panca do I+D+i dos nosos sectores estratéxicos, impulsando a súa competitividade e garantindo que poidan seguir a vangarda nos mercados globais”.

Trátase, defendeu o conselleiro, de impulsar novos produtos e procesos para o sector lácteo, reforzar a eficiencia na sanidade animal e derivados, mellorar a alimentación funcional e o envellecemento activo, desenvolver novas tecnoloxías para a medicina personalizada, mellorar a diagnose e tratamento eficiente a través da xenética, e impulsar a innovación aberta no descubrimento de fármacos e as tecnoloxías facilitadoras, ademais de aproveitar mellor eses recursos mariños e pesqueiros.

A Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, creada en colaboración con 66 axentes do sector, culmina a vertebración do apoio público ao sector Bio que o Goberno galego vén construíndo nos últimos catro anos, sumando 200 millóns de euros en investimento ata 2020, dos que os primeiros 37 millóns se están xa a investir este mesmo ano.

“Buscamos facer do sector Bio en Galicia un polo estratéxico de atracción de investimentos e talento”, dixo Conde, asumindo como obxectivos a creación de 30 novas empresas biotecnolóxicas, crecendo un 15% sobre as preto de 220 coas que se conta na actualidade; acadar unha facturación de 300 millóns de euros, crecendo un 20% sobre os preto de 250 millóns de euros que suman hoxe; xerar 300 novos empregos cualificados no sector, un 25% máis dos preto de 1.300 postos de traballo que existen neste momento; e acadar un recoñecemento internacional de Galicia no entorno biotecnolóxico.

Compra Pública Innovadora

Todo ese esforzo contribuirá a constituír na nosa comunidade un biopolo que conecte a todos os axentes do sector e contribúa a atraer a grandes clientes dos sectores clave do negocio biotecnolóxico, así como a potenciar o bioemprendemento. Para iso, a Estratexia conta con ferramentas como unha iniciativa de compra pública innovadora, que Conde resaltou como a medida estrela de toda a Estratexia. “O obxectivo es facer algo similar ao que temos posto en marcha no eido do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, e implicarnos desde o primeiro momento no proceso de creación de novas tecnoloxías. Queremos que a Xunta sexa o cliente validador e lanzador dos mellores produtos biotecnolóxicos galegos”, sinalou, permitindo así que cheguen ao mercado as tecnoloxías das pemes, e tamén utilizándoas para mellorar as políticas públicas da Xunta en sectores como a industria, o mar, a sanidade, ou o agro.

“Queremos que un dos motores da locomotora galega da vindeira década sexa Bio”, dixo Conde, que defendeu que este eido será a chave para “aliñar a nosa fortaleza investigadora co potencial do noso tecido produtivo. Porque un dos grandes campos ao que pode contribuír a biotecnoloxía, é a mellorar a transferencia de tecnoloxía ao mercado”, contribuíndo así a construír a bioeconomía galega do futuro.

7 de xuño de 2016 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.