A Xunta apela á cooperación internacional entre países para intensificar a loita contra a pesca non regulada e non regulamentada
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurou esta tarde na Coruña as II Jornadas Internacionales de la Red de Excelencia de Estudios Jurídico-Marítimos (REDEXMAR) sobre a toma de decisións no eido marítimo. Alí recoñeceu a importancia da cooperación internacional entre os países e organizacións internacionais máis avanzados e os menos desenvolvidos para intensificar a loita contra a pesca non regulada e non regulamentada.
Esta misión, advertiu, “é inescusable para erradicar esta actividade delitiva, que atenta directamente contra os dereitos de millóns de persoas que practican unha pesca responsable”. Neste sentido lembrou “a escasa e permisiva regulación coa que contan algúns países” e subliñou que “a falta de dereitos laborais, a explotación infantil ou as escasas esixencias hixiénico sanitarias en procesos de produción e de transformación do produto final representan un agravio comparativo e, en moitas ocasións, unha competencia desleal para os estados e entidades supraestatais que cumpren escrupulosamente o Dereito Internacional e se dotan de rigorosas regulacións para preservar o mar, os seus dereitos e a actividade pesqueira”.
Estas cuestións, sinalou, deben ser obxecto de análise, así como os dereitos dos traballadores do mar dos estados máis desenvolvidos, xa que “aínda que houbo melloras notables nas últimas décadas, queda moito por facer”. Neste sentido incidiu na importancia da formación e da capacitación de novos profesionais para recuperar o relevo xeneracional.
Por iso, destacou, a Consellería do Mar intensificou este ano a inversión en proxectos de investigación e prestou especial atención ás ensinanzas pesqueiras, incrementando o orzamento en preto dun 20%. O obxectivo, explicou a titular de Mar, “é consolidar as cifras do ano pasado”, no que 1.800 alumnos e alumnas pasaron polos 100 cursos organizados polo IGAFA e polas confrarías, e outros 2.000 se matricularon nos 100 cursos celebrados nas escolas náuticas. A isto súmase os 500 profesionais do mar que cursaban a formación regrada, un 31% máis que no curso 2011-2012 e un 46% máis en relación ao 2009.
As xornadas
Estas xornadas sobre a toma de decisións no eido marítimo celébranse ao longo de hoxe e de mañá, 29 de xuño na Coruña e están coordinadas polo profesor José Manuel Sobrino Heredia.
Durante a súa intervención a conselleira destacou que un dos obxectivos deste encontro é a análise das ferramentas xurídico-políticas de carácter estatal, supramunicipal ou internacional para a súa correcta e xusta aplicación. Ademais pretende analizar o papel das Organizacións Internacionais, dos Estados, axentes socioeconómicos, ONGs, e Sociedade Civil, que inciden no estado dos mares e océanos, dos seus recursos e na situación socioeconómica das persoas que desenvolven a actividade pesqueira.











