A xuíza declara a complexidade da causa que investiga o presunto ‘enchufe’ da cuñada de Carmela Silva
A xuíza de instrución número 7 de Vigo, María del Carmen García Campos, ditou auto no que declara a complexidade da causa que investiga o suposto ‘enchufe’ da cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal de Vigo, e establece que se amplíe o período de instrución en 18 meses (até xuño de 2017).
No seu escrito, a maxistrada sinala que “é evidente” a necesidade da declaración de complexidade, posto que a instrución está pendente da realización de proba pericial (un informe dun sociólogo). Ademais, lembrou que, ao longo da investigación, apareceron indicios de posibles delitos non contemplados inicialmente, e que os principais investigados tiveron que volver prestar declaración.
Por iso, o xulgado accede á petición do Ministerio de Fiscal, de declarar a complexidade desta causa, a pesar da oposición expresa das defensas da cuñada de Silva e do concelleiro vigués Santos Héctor Rodríguez (ambos os investigados neste procedemento).
Ademais da familiar da tenente de alcalde e presidenta da Deputación de Pontevedra, e do concelleiro de Emprego, tamén se investiga a un funcionario xefe de servizo, ao apoderado e ao administrativo da concesionaria Imesapi.











