A situación no aeroporto de Santiago normalízase despois dunha semana sen ILS
A situación no aeroporto de Santiago de Compostela normalizouse tras unha semana de desconexión do ILS, o asistente de aterraxe que axuda aos avións a tomar terra en situacións de baixa visibilidade, como néboa ou nubes baixas.
Os últimos inconvenientes rexistrados ata agora son os do domingo pola tarde, que obrigaron a desviar oito voos de Lavacolla para os aeroportos de Peinador (Vigo), Alvedro (A Coruña), Oviedo e Porto.
Estes desvíos tiveron aínda as súas consecuencias o luns pola mañá, posto que faltaban os avións que facían esas mesmas conexións e que non puideran aterrar o día anterior.
Concretamente, o domingo producíronse desvíos dos voos procedentes de Bilbao, Barcelona, Palma de Mallorca e Málaga, que se foron para A Coruña.
Pola súa banda, o avión procedente de Lanzarote aterrou en Porto e o que viña de Madrid a Santiago, foise para Oviedo. Ademais, outro voo de Madrid e de Bérgamo-Milán aterraron na terminal viguesa.
Con todo, na mañá deste martes se normalizou a situación e non se rexistraron voos desviados, segundo confirmaron fontes de Aena.
DESCONEXIÓN DO ILS
A desconexión do ILS débese á necesidade de realizar unha obra para a súa adaptación á normativa europea, como xa se fixo nos aeroportos de A Coruña e Vigo. Elixiuse o mes de xuño despois dun estudio do comportamento climatolóxico dos últimos 25 anos.
A obra de mantemento, que empezou o pasado luns día 6 coa desconexión do asistente, durará catro semanas, ata o 7-8 de xullo.











