publicidade hoxe

A Rapa das Bestas de Sabucedo recupera o seu festival no que actuarán Ataque Escampe e Xabier Díaz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCalendarioLocal Portada
A-
A+
Europa Press
Román Rodríguez na presentación da nova edición da Rapa das Bestas

Román Rodríguez na presentación da nova edición da Rapa das Bestas

A primeira fin de semana do mes de xullo, a parroquia estradense de Sabucedo celebrará unha nova edición do seu tradicional Rapa das Bestas. O presidente da asociación organizadora anunciou este venres a recuperación do festival ‘RapaSons’, no que actuarán, entre outros, Ataque Escampe, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.

Os concertos terán lugar a noite do venres, tal e como anunciou o presidente, Xosé Henrique Bazal, e acompañarán os curros do sábado, o domingo e o luns. O do último día ten carácter solidario e dedicará os fondos recadados á Fundación Juan XXIII.

A festa, que foi declarada de interese turístico internacional, espera recibir 20.000 persoas este ano. O alcalde da localidade pontevedresa da Estrada, José López Campos, sinalou que é unha cifra moi significativa, xa que Sabucedo ten “unha poboación de tan só 50 veciños”.

Así mesmo, valoraron o interese espertado por xornalistas e fotógrafos internacionais que recoñecen “unha grande beleza na escenografía” dos curros. Nesta ocasión, foron acreditados 30 xornalistas e fotógrafos españois, portugueses, franceses, arxentinos e ata unha televisión xaponesa, detallou o concello.

Por outro lado, a asociación apuntou que se extremarán as medidas de seguridade e se restrinxirá o acceso á localidade durante os catro días. Neste sentido, celebraron unha reunión con Protección Civil, a Garda Civil e os propios veciños para organizar o plan de acción durante o evento.

FALTA DE ESPAZO

A tradición, datada do século XVI, recolle que os veciños baixaban os animais que ofrecían a San Lorenzo para raparlos. O propio alcalde sinalou que actualmente este labor “non sería posible sen o coidado dos montes realizado pola asociación”.

Por parte da organización, denunciaron a falta de espazo para ter os animais posto que “cada vez menos partes do monte están traballadas”. Debido a isto, e ás desfavorables condicións climatolóxicas, “os cabalos vense obrigados a ir a terreos privados”, e isto fai perigar o futuro da festividade.

O presidente da asociación pediu á administración colaboración para poder solucionar estas dificultades que actualmente recaen directamente nos veciños de Sabucedo.

Ao acto de presentación, tamén acudiu o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen destacou que a rapa “non é unha festa máis, senón que conxuga o respecto polo monte e o animal”.

Ademais, sinalou que non deben “morrer do éxito”, e para iso é importante manter os valores tanto da tradición, coma con respecto ao medioambiente.

17 de xuño de 2016 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.