A Policía Local de Vigo interveu en 18 actuacións con abellas e na captura de dúas cobras dende abril
A Unidade Ambiental de Intervención Rural (UMIR) da Policía Local de Vigo realizou dende o pasado mes de abril 18 intervencións relativas a enxames de abellas, así como outras dúas nas que procederon a capturar senllas cobras.
Segundo informou a Policía Local, que recordou que este tipo de actuacións é “habitual” coa chegada da calor, os enxames de abellas achados corresponden a especies autóctonas e non á coñecida como avespa asiática.
Sobre estes enxames, comunicou que a súa presenza non se detectou unicamente no ámbito rural, chegando a localizarse no centro da cidade olívica, en rúas como Zaragoza e Urzáiz. En todos os casos, apicultores se fixeron cargo das abellas.
Así mesmo, a Policía Local sinalou que os días 23 de maio e 8 de xuño, foron capturadas senllas cobras, localizadas en Vía Norte e en Travesía do Riveiro, respectivamente. En ambos os dous casos tratábase de cobras da especie escaleira, ás que devolveron ao seu hábitat natural.











