publicidade hoxe

A Policía Autonómica investiga a 42 persoas nunha operación contra o furtivismo na ría de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolSucesos
A-
A+

A Policía Autonómica informou hoxe da finalización da primeira fase dunha operación contra o furtivismo na Ría de Ferrol. A denominada “Operación Raño” saldouse con 42 persoas investigadas e 1.100 quilos de bivalvo comisado.

Ademais, os axentes da UPA fixéronse con numeroso material para a práctica ilegal de extracción e transporte, como vehículos, traxes de neopreno, raños ou capachos; e levantaron ata 694 actas de infracción á Lei de Pesca de Galicia.

Con motivo do aumento da actividade extractiva de bivalvo en zonas de alto risco para o consumo humano na ría de Ferrol, o Equipo de Resposta Policial da Autonómica (ERPOL) desenvolveu un dispositivo de vixilancia, baixo a dirección do Xulgado nº 1 de Ferrol.

Froito destas investigacións, determinouse a existencia de varios grupos organizados que se encargan da extracción de forma ilegal de molusco procedente de zonas C -as de máis carga contaminante e das que os moluscos só se poden comercializar tras ir á reinstalación ou pasar polos procesos térmicos indicados na lexislación en vigor- mentres que outros encárganse de clasificar o marisco, depositalo momentaneamente en varios locais e posteriormente transportalo.

A investigación centrouse en determinar o itinerario do produto así obtido. Deste xeito, constatouse que o marisco saía directamente de forma ilegal de zonas C para as depuradoras, sen ter pasado antes polo proceso de reinstalación, operación imprescindible para que o molusco poida chegar ao mercado con todas as garantías hixiénico-sanitarias.

Unha vez determinado que saía ao mercado a través da depuradora de Cambados, con autorización xudicial, procedeuse ao comiso dunha entrega in fraganti das cantidades sinaladas: 1.100 quilos. O bivalvo analizouse, concluíndo que presentaba un valor “E.Coli” dez veces superior ao permitido pola lei.

Doutra banda, procedeuse ao rexistro de dúas vivendas e dous locais, intervíndose gran cantidade de material para o furtivismo, que tivo que ser trasladado en dous camións. Con esta actuación, péchase o círculo desde a extracción do bivalvo na Ría ata a chegada ao consumidor.

No dispositivo contouse co apoio técnico da Subdirección Xeral de Gardacostas e do Instituto Tecnolóxico do Mar (Intecmar).

3 de xuño de 2016 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.