A néboa mantén pechada a autovía A-8 ao seu paso por Mondoñedo
A presenza de densa néboa mantén pechada á circulación a autovía A-8 entre as localidades lucenses de Abadín e Mondoñedo, que non se pode transitar dende última hora deste xoves.
Segundo a información da Dirección Xeral de Tráfico, a circulación está interrompida por presenza de néboa entre os quilómetros 534 e 552, en ambos os dous sentidos.
O corte total da vía mantense dende hai máis de 10 horas, xa que a alerta da DGT foi activada sobre as 23,40 horas do xoves.
Este tramo da A-8 sofre continuos cortes de tráfico motivados pola presenza de densa néboa e forte vento na área dende que en xullo de 2014 tivese lugar un accidente múltiple que se saldou cunha persoa falecida e decenas de vehículos implicados.