publicidade hoxe

A mostra “Luis Davila. A retranca dun país” xa pode visitarse en Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A mostra abriuse esta tarde ao público no Multiusos da Xunqueira nun acto que estivo encabezado polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo alcalde de Redondela, Javier Bas, polo autor das viñetas, o humorista gráfico Luis Davila, pola comisaria da exposición, Fátima Cobo, e pola presidenta de Xoga, a Asociación de Xordos de Galicia, Mª Jesús Monterde. Durante a presentación da exposición, Xosé Leal volveu facer fincapé na necesidade de poñer en valor a traxectoria dun humorista e debuxante coma Luis Davila, que “é un exemplo da potencia que nestes momentos ten Galiza neste campo, porque gran parte dos debuxantes de máis prestixio do momento actual son galegos”.

A exposición ‘Luis Davila. A retranca dun país’ enmárcase no programa de actividades culturais que o departamento provincial de Cultura e Lingua está levando por todos os concellos da provincia no marco do Ano Castelao. Deste xeito, achéganse aos concellos unha serie de actividades relacionadas coas distintas disciplinas artísticas que o propio Castelao desenvolveu ao longo de toda a súa vida. Así, partindo de que nos anos 20 e 30 do século XX Castelao colaborou nos diarios vigueses Galicia e Faro de Vigo coa publicación dunha serie de viñetas tituladas de maneira xenérica “Cousas da vida”, conéctase esta actividade coa dun debuxante coma Luis Davila que na actualidade e tamén desde a prensa galega trata as realidades galegas do día a día.

A exposición propón un percorrido polas viñetas mais exitosas deste deseñador gráfico e humorista. Conta ademais cunha audioguía/signoguía á que se pode acceder ben a través da páxina web da Deputación de Pontevedra, ben a través de QR, e que foi elaborada en colaboración con XOGA para facilitar que as persoas con dificultades auditivas poidan acceder a contidos culturais en igualdade de condicións que o resto da cidadanía.

A exposición poderá visitarse no Multiusos da Xunqueira ata o 24 de xuño, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00h e de 16:00 a 21:30h.

2 de xuño de 2016 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.