A librería “Biblos” recibe un dos premios Comercio con talento

Entrega do distintivo á librería Biblos
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá en Lugo á librería Biblos un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Na segunda edición desta iniciativa participaron alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Os estudantes participantes elaboraron un proxecto sobre un comercio que, ao seu xuízo, destaca pola súa innovación e calidade. Un xurado especializado escolleu aos 9 comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de 4 proxectos que se publicaron no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 10 premios fose decidido polo número de gústame recibidos.
Os alumnos autores dos proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini. A librería Biblos foi proposta por Cristina García, alumna do Grao Superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do CIFP As Mercedes de Lugo. Deste centro son tamén Sandra de Bernardo e Pablo Piñeiro, que resultaron tamén premiados ao propoñer á Queixería Prestes de Vilalba e ao establecemento Miler Vintage Running Club de Pontevedra, respectivamente.
No seu traballo, Cristina García destaca o coidado trato ao cliente de Biblos, e a súa aposta por dinamizar o gusto pola literatura entre os seus visitante a través de diferentes eventos, firmas de libros e conferencias. A alumna apunta tamén a capacidade deste negocio de manterse ao longo dos anos como unha das librerías de referencia da cidade e o seu empeño por fidelizar a varias xeracións de clientes.
O respaldo ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha diferentes programas de axudas para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, impulsar o smart commerce, ou respaldar o asociacionismo comercial.











