A iniciativa AceleraTIC achega a directivos de pemes galegas as claves para abordar a dixitalización do seu negocio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Mar Pereira na inauguración do programa. Foto: C. Paz

Mar Pereira na inauguración do programa. Foto: C. Paz

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inaugurou esta mañá en Santiago o Programa “AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital” para facilitar a transformación dixital das pemes galegas. O programa, integrado nas actividades do Centro Demostrador TIC da Axencia, abrangue diferentes xornadas formativas e prácticas e un programa específico para directivos e xerentes de empresas galegas, que comeza o vindeiro 9 de xuño e se desenvolve en colaboración coa Escola de Negocios de AFundación, cuxo director director de marketing, Francisco Álvarez, interveu na xornada inaugural.

Mar Pereira destacou que “ser dixital ofrece claras vantaxes ás empresas: maior calidade, visibilidade, máis facilidade para ofrecer produtos e servizos de maior valor engadido”. Por iso sinalou que en Galicia, “onde máis do 96% das empresas teñen menos de 10 traballadores, é fundamental poñer ao alcance das pemes tecnoloxías accesibles vinculadas ao seu negocio e que lles faciliten este proceso de transformación para ser máis competitivos”.

A responsable da política tecnolóxica autonómica lembrou que a dixitalización empresarial é un dos obxectivos estratéxicos da Axenda Dixital de Galicia 2020 e que desde a Amtega se está a impulsar a través de programas como o AceleraTIC; coa actividade que vén desenvolvendo o Centro Demostrador TIC desde 2011, ou a coa iniciativa ReaccionaTIC, que arrancará este verán. Pereira lembrou que todas estas actuacións están deseñadas para facilitar a transformación dixital da peme e eliminar a barreira entre os sectores produtivos e a tecnoloxía desde diferentes perspectivas: a formativa, a divulgativa e a do asesoramento para integración de novas ferramentas TIC.

Programa específico para directivos

Pereira destacou que o proceso de dixitalización dunha empresa vai máis alá da compra de tecnoloxía e que implica asumir obxectivos de negocio empregando os avances dixitais. É un proceso global e transversal a toda a compañía. Por iso, AceleraTIC integra un Programa Formativo para a Transformación Dixital da Peme (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleratic) dirixido a directivos e xerentes de empresas, que a Amtega desenvolve en colaboración coa Escola de Negocios AFundación.

O obxectivo deste programa formativo é contribuír a crear un perfil directivo que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico, isto é, que coñeza o contorno dixital, adquira as habilidades necesarias para entender que valor pode achegar a tecnoloxía ao seu negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

O programa comezará o vindeiro 9 de xuño e estenderase ao longo de seis xornadas formativas impartidas por diversos expertos. Trataranse temas como a estratexia de negocio para a nova contorna dixital, o marketing dixital para pemes, o comercio electrónico, o Big Data & Business Intelligence para o control da xestión empresarial, as ferramentas de medición e análise para a estratexia dixital e a transformación e xestión do cambio na organización.

As prazas para participar neste programa formativo son limitadas, polo xa está aberto un proceso de preinscrición que permanecerá aberto ata o luns 6 de xuño. A preinscrición pode realizarse a través da Web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleratic), no correo electrónico cdtic@xunta.gal ou no teléfono 881 995 200.

De entre as solicitudes recibidas a Amtega seleccionará a 25 directivos para cada unha das xornadas formativas. Aqueles directivos que completen todas as xornadas formativas, recibirán o título “Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” outorgado pola Escola de Negocios Afundación.

Experiencias en primeira persoa

“AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital” complétase con accións de divulgación, como un ciclo de entrevistas a empresas de diversos sectores de Galicia que asumiron procesos de transformación dixital no seu negocio.

Por último, os profesionais e traballadores das empresa galegas atoparán no programa AceleraTIC un completo calendario de seminarios de curta duración e eminentemente prácticos, para sacarlles o máximo rendemento ás solucións tecnolóxicas existentes.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos.

O CDTIC é unha iniciativa promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a entidade pública empresarial Red.es, adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e cofinanciada con fondos FEDER.

2 de xuño de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.