A incorporación do Concello de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano suporá para os vigueses un aforro de ata 1.000 euros ao ano
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que coa incorporación do Concello de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano os usuarios de transporte público desta cidade poderán aforrar 1.000 euros ao ano. Así o manifestou logo de que o Consello da Xunta autorizase na reunión desta mañá o convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o Concello de Vigo e a empresa Viguesa de Transportes S.A. para a integración deste municipio no devandito plan.
Segundo asegurou, isto supón unha boa nova para todos os usuarios de transporte público da zona porque os veciños deste municipio acadarán uns aforros medios de 1.000 euros anuais, xa que á media anual actual de 600 euros cómpre sumarlle 420 euros máis, que é o que subvencionará o Concello.
Para que isto sexa posible, engadiu, a Xunta será a Administración encargada de subvencionar o pago dos 0,86 euros do transbordo no transporte urbano. Así, unha vez que o Concello de Vigo se adhira ao plan, os vigueses non van ter que achegar o custo do transporte urbano cando despois utilicen o interurbano.
Polo tanto, dixo, a Xunta estende os descontos que está a aplicar en todas as áreas nas que xa está en marcha esta iniciativa. Contribúe co 80 por cento da bonificación no traxecto principal, e os concellos co 20 por cento restante; e, ademais, achega unha bonificación dun 100 por cento dos transbordos, e os descontos adicionais aos usuarios habituais e ás familias numerosas, de entre un 20 por cento e un 50 por cento.
Descontos da Tarxeta de Transporte Metropolitano
Feijóo lembrou, tamén, que o emprego da Tarxeta de Transporte Metropolitano ofrece aos usuarios descontos medios do 50 por cento nas viaxes metropolitanas. No caso dos usuarios recorrentes —é dicir, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes—, terán unha bonificación adicional do 15 por cento. E os membros de familias numerosas obterán descontos a maiores de entre o 20 por cento (categoría normal) e o 50 por cento (familia numerosa especial).
Estas bonificacións adicionais serán contabilizadas e procesadas, e o sistema realizará unha recarga cada dous meses na tarxeta con tan só introducila no caixeiro automático.
O titular da Xunta explicou que con este convenio a todas estas vantaxes súmase agora o Concello de Vigo e, polo tanto, todos os vigueses poderán disfrutar dos descontos que xa viñan percibindo os usuarios do resto da área. De feito, lembrou que xa en abril de 2015 entrou en funcionamento o Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo con 12 concellos da comarca: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Pazos de Borbén (queda fóra só o Concello de Gondomar).
Desde a posta en marcha da Área de Transporte Metropolitano de Vigo ata a actualidade, apuntou, contabilizáronse máis de 2,7 millóns de viaxes. Delas, un 37 por cento, aproximadamente, correspóndense a navieiras (xa que é compatible co transporte por mar). E no mesmo período expedíronse máis de 33.572 tarxetas, das que en Vigo cidade se tramitaron 9.260, seguido por Cangas, Moaña e Redondela.
Feijóo precisou que desde o 30 de abril de 2015 ata o 31 de maio de 2016 rexistrouse un incremento do 12 por cento na expedición de tarxetas para o Plan de transporte metropolitano de Vigo. E, nesta liña, confiou en que as cifras poidan seguir aumentando, porque a incorporación de Vigo ao plan, dixo, é bo para Vigo e para toda Galicia, xa que supón un paso fundamental para consolidar as melloras da mobilidade entre os concellos.
Melloras, agregou, que garante este Plan de transporte metropolitano; que garantirá tamén a decisión de que os menores de 18 anos teñan gratuíto o transporte metropolitano; e que garantirá tamén as estacións intermodais que a Xunta está impulsando en Vigo, Ourense, A Coruña e Santiago.











