publicidade hoxe

A Estrada e Lalín contarán con novos obradoiros de emprego de construción e carpintería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLalín
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello da Estrada

Cores Tourís na visita ao Concello da Estrada

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de A Estrada para anunciar que este municipio será beneficiario este ano do obradoiro de emprego “Casa da Música 2016”, que permitirá formar en albanelería e carpintería a 20 veciños desempregados.

O delegado estivo acompañado no acto polo alcalde de A Estrada, José López, así como polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial. O rexedor agradeceu que a administración autonómica tivera en conta o proxecto presentado que “permitirá continuar a traballar nun dos edificios máis desexados deste municipio, a Casa da Música, xa que permitirá dotar á Estrada dunhas instalacións dignas para que poidan formarse os máis cativos do concello a través da Escola de Estudos Musicais, para que continúe a labor da banda de música e da coral. En total, máis de 250 persoas poderán gozar destas novas instalacións, xa que con este novo obradoiro levaremos a cabo non só a adecuación do andar baixo senón tamén da praza exterior”.

O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros, “que coa aportación a maiores dos dous concellos en materiais chegará a superar os 300.000 euros, xa que estamos a falar dunha obra que require un importante volume de medios”, explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación nas duas especialidades.
O delegado territorial mostrou a súa satisfacción por poder avanzar que ambos concellos obtiveron este obradoiro de emprego que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional durante os meses que durarán estes proxectos”.

Cores Tourís tamén aproveitou a visita á Estrada para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

‘Rivero Social Lalín’

Neste senso, o delegado territorial destacou tamén que outro dos concellos beneficiados por obradoiros de emprego este ano será Lalín, que porá en marcha a iniciativa ’Rivero Social Lalín’.

Este obradoiro permitirá tamén a formación de 20 alumnos tanto en operacións auxiliares en revestimento continuo en construción, como en instalación de elementos de carpintería, o que permitirá que se leven a cabo obras de acondicionamento do inmoble da rúa Rivero Social número 5 de cara a poder destinalo a persoas en situación de risco de exclusión social.

En total, a provincia de Pontevedra contará con 29 obradoiros, 21 dos cales están a ser notificados nestes días aos concellos beneficiados. “Cinco destas iniciativas corresponderán a obradoiros para menores de 25 anos que xa, o ano pasado, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu Cores Tourís.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse preto de 2.000 desempregados.

7 de xuño de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.