publicidade hoxe

A Dirección Xeral de Xuventude promove a solidariedade e o compromiso social entre estudantes de Primaria e da ESO co Pasaporte Solidario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, achegouse hoxe ao Colexio La Salle de Caranza (Ferrol) para participar nunha actividade de dinamización do programa Pasaporte Solidario, unha iniciativa da Consellería de Política Social. Así mesmo, fixo entrega de diplomas acreditativos aos participantes na mesma.

Os principais obxectivos do programa son os de promover valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa (pais, nais, profesorado e alumnado) e favorecer que os e as escolares se comprometan como voluntarios e voluntarias a través dunha metodoloxía activa e participativa, que achegue ao alumnado á realidade do voluntariado.

O Pasaporte Solidario é un documento cuxas páxinas conteñen propostas de actividades solidarias pensadas tanto para alumnos de Primaria como da ESO. Coordinados polos centros educativos, cada participante ten que encher o seu pasaporte con certificados que acrediten o cumprimento da actividade solidaria. Entre as accións que hai que certificar para cubrir o Pasaporte atópanse tarefas como acompañar aos maiores, colaborar na casa ou axudar aos compañeiros de clase.

Cecilia Vázquez foi recibida polo equipo directivo do centro, onde escoitou as súas suxestións e propostas para mellorar o Pasaporte Solidario, unha iniciativa que cumpre o seu quinto ano de vida. A continuación saudou aos alumnos e alumnas participantes e puido coñecer de primeira man como se foron desenvolvendo as distintas actividades.

Personificando neses alumnos/as e profesores/as, a directora xeral agradeceu a participación neste programa aos máis de 1.900 alumnos/as de 18 centros de Galicia que están a traballar co Pasaporte Solidario desde o pasado mes de outubro.

A directora xeral tamén destacou que “con este proxecto estamos en disposición de ofrecerlles aos mozos e mozas galegos a posibilidade de que desenvolvan un itinerario voluntario completo e continuo, que comeza en primaria con Móvete, segue co Pasaporte Solidario, dirixido a mozos de ata 12 anos, continúa coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de secundaria, e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos”.

3 de xuño de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.