A Dirección Xeral de Xuventude organiza o campo de traballo internacional “Un rural para tod@s”

Presentación do campo de traballo “Un rural para tod@s”
A cidade de Ourense acollerá entre o 1 e o 11 de agosto un Campo de traballo de carácter internacional, no que participarán 20 mozos e mozas galegos, do resto de España e de países de todo o mundo. Esta iniciativa foi presentada hoxe pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, quenes estiveron acompañados pola delegada territorial da Xunta de Galicia, María Sol Díaz Mouteira.
Este Campo leva por título “Un rural para tod@s” e ten un carácter medioambiental e social. As actividades que desenvolverán os voluntarios consistirán no acondicionamento de terreos para uso agroecolóxico, na dotación de elementos de apoio para as parcelas, como un pequeno pendello para almacenaxe e un invernadoiro, o deseño de hortas e a plantación de verduras de outono-inverno. Tamén realizarán actividades de formación e asesoramento na comercialización de produtos agrícolas.
Cecilia Vázquez destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”. Así mesmo, “fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países”.
Son polo tanto recursos de gran valor xuvenil, nos que Galicia é a comunidade de referencia na materia. Cómpre destacar que o ano pasado Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve.
A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán nos concellos coruñeses de Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira e Coirós e nos concellos ourensáns de Celanova, Ourense, Muíños, Vilamarín e A Peroxa. Así mesmo, celebraranse nos municipios lucenses de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga e Xermade, así como en localidades da provincia de Pontevedra como as Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.
Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.
Campaña de verán 2016
Cecilia Vázquez lembrou que os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. “Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado”, explicou a directora xeral.
Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.
Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.











