publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra corrixirá as deficiencias derivadas da obra realizada na vía Serrapio-Portela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoPontevedra
A-
A+

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co alcalde de Cerdedo, José Balseiros, para coñecer as súas solicitudes e prioridades de actuación nas vías provinciais neste municipio. Atendendo ás demandas do rexedor, o deputado nacionalista comprometeuse a visitar as obras realizadas na vía que vai de Serrapio á Portela, a EP 7102, para coñecer o estado exacto da actuación. Trátase dunha obra comezada polo anterior goberno provincial e realizada naquel momento cos medios do parque de maquinaria da Deputación. A obra realizouse de xeito incompleto e agora está ocasionando problemas que é preciso solucionar. Ante esta situación, Uxío Benítez xa lle anunciou a José Balseiros que as obras previstas nunha segunda fase nesta vía serán acometidas con rigor técnico e segundo parámetros de mobilidade sostible e aseguroulle que se analizará a maneira de solucionar os problemas derivados da obra anterior.

Na xuntanza, o alcalde tamén sinalou dúas actuacións prioritarias máis. Dunha banda solicitou con carácter global o mantemento e conservación de todas as vías provinciais en Cerdedo e para iso entregoulle un informe de incidencias ao deputado. Dito informe será estudado polos técnicos provinciais de Mobilidade para analizar a súa viabilidade. Ademais, no punto concreto dunha interseción da vía Cerdedo-A Portela, en Tomonde, solicitou unha actuación que dea solución para os problemas de visibilidade. Unha solicitude que tamén será analizada polos técnicos provinciais.

No plan MÓVESE, o Concello de Cerdedo ten solicitadas un total de 11 actuacións. Trátase de actuacións na liña das medidas de calmado do tráfico segundo os novos parámetros que promove o ente provincial, co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguranza viaria.

O Concello de Cerdedo conta con seis vías de titularidade da Deputación: Cerdedo-A Portela, Serrapio-A Portela, Cerdedo-Castro-Quireza, Cerdedo-Santo Domingo, Rampa-Vilar, e Folgoso-Forcarei, que suman máis de 47,500 quilómetros de lonxitude.

10 de xuño de 2016 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.