publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra concede un préstamo sen xuros de 73.000 euros ao Concello de Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, asinaron hoxe a concesión dun crédito de 72.649,31 € para a realización de diversas actuacións neste municipio: a instalación eléctrica e o cable estruturado do edificio do Concello, diversas obras de mantemento e conservación do CEIP As Viñas e a instalación de semáforos na estrada PO-308 que une Chancelas e Combarro. Poio é un dos sete concellos beneficiados pola convocatoria inicial do Goberno provincial de préstamos sen xuros para os concellos de menos de 50.000 habitantes con destino ao financiamento de inversións, operacións de tesourería, necesidades urxentes ou desfases transitorios.

Neste exercicio 2016, por primeira vez a Deputación provincial leva a cabo esta liña de créditos en réxime de concorrencia competitiva e sen ningún tipo de xuros para os municipios, que no anterior Goberno se situaban no 2%. Ademais de Poio, outros seis concellos –Catoira, Silleda, Salceda de Caselas, Pazos de Borbén, A Cañiza e Fornelos de Montes– se beneficiaron ata o momento desta iniciativa, que conta cun investimento de 1.137.708,7 €.

Os demais concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes poden solicitar este tipo de préstamos ao Goberno provincial, xa que a Xunta de Goberno provincial aprobou unha segunda convocatoria que a Deputación mantén aberta dende o pasado 3 de xuño, por un valor total de 362.291,28 €. Isto é así porque na convocatoria inicial non se esgotou o importe máximo asignado de 1,5 millóns de €.

Ademais do réxime de concorrencia competitiva e sen ningún tipo de xuros, cómpre destacar nas novidades que a nova Deputación tamén lle asigna a esta iniciativa 500.000 € máis que a última asignación do anterior Goberno provincial.

7 de xuño de 2016 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.