A Deputación da Coruña inicia o IV Circuíto Provincial de Carreiras Populares con cita en trinta localidades
Trinta localidades acollerán a partir do domingo día 5 o IV Circuíto Provincial de Carreiras Populares promovido pola área de Deportes da Deputación da Coruña. Milleiros de persoas participarán nesta iniciativa que é unha das máis populares das convocatorias deportivas anuais
O IV Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña bota a andar o vindeiro domingo día 5 coa celebración en Culleredo da V Carreira Popular Ría do Burgo. Iníciase así o ciclo anual dun programa que chega a súa cuarta edición e que o ano convocou máis de 10.000 participantes en toda a provincia e conta nesta aumentar o número nesta nova edición. A grande afluencia e a demanda dos concellos derivou nunha ampliación do número de carreiras que pasan nesta edición de 25 a 30. O Circuíto estará controlado tecnicamente pola Federación Galega de Atletismo, a través das súas Delegacións na Coruña, Santiago e Ferrol, así como polo Departamento de Estadística da FGA.
O responsable da área de Deportes da Deputación, José García Liñares, valorou esta iniciativa como “unha cita xa agardada na que se demostra a forza do deporte e se convida a participar nunha proposta popular, festiva e saudable”. García Liñares lembrou a alta participación da edición anterior na que máis de dez mil persoas se sumaron ás carreiras populares da Deputación, unha iniciativa que, como se pode comprobar polo número de inscricións, cada ano vai a máis. Recoñeceu tamén o labor da Federación Galega de Atletismo á hora de promover a participación e organizar e coordinar a celebración das distintas carreiras.
“A práctica das carreiras suma cada anos máis persoas e nós apostamos por esta convocatoria que é unha cita de encontro a través do deporte en distintas localidades e toma forza en cada convocatoria como unha cita relevante do calendario deportivo anual”, destacou o deputado que agradeceu a participación de clubs e particulares e tamén o apoio dos Concellos nos que se desenvolve o circuíto.
O día 5 de xuño en Culleredo iníciase o ciclo de carreiras anual que rematará o 18 de decembro en Porto do Son. Entre unha e outra, o programa desenvolverase en trinta concellos da provincia. Despois da primeira carreira, Ponteceso, Cerceda, Carballo, Cee, Curtis, Muxía, Santiago de Compostela, Ares, Ortigueira, Cambre, Cariño, Carnota, Betanzos, Ferrol, Pobra do Caramiñal, Ordes, Corcubión, Valdoviño, Cabana de Bergantiños, Ribeira, Brión, Sada, Fisterra, Ames, Rianxo, Carral, Negreira, Boiro e finalmente Porto do Son son os concellos que acollerán as súas particulares carreiras, algunhas que chegan a súa XXXIV edición como a Carreira Popular da Amaia e outras singulares como as nocturnas de Santiago de Compostela ou Ferrol. O Circuito mostra o interese dos concellos de integrar as súas carreiras no programa da área de Deportes da Deputación da Coruña.
O Circuíto contempla a categoría de Menores (benxamín, alevín, infantíl, cadete e xuvenil) que inclúe participantes nacidos entre o 2007 e o 2000 e Absoluta (Xúnior, Promesa, Sénior, Veterano 1, Veterano 2, Veterano 3 e Veterano 4) con participantes nacidos entre 1997 e 1956 e anteriores.
A competición outorga premios individuais e por equipo en todas as probas que compoñen o circuíto. Para a clasificación individual dentro da Categoría absoluta os atletas teñen que participar como mínimo en 11 das 30 probas.
Na clasificación por clubs valorarase o número de participantes de cada un nas diferentes carreiras á marxe do posto dos seus compoñentes en cada unha delas. A categoría divídese, a súa vez, en dúas, unha por clubs de Menores (cómputo total de participantes de cada club ou colexio nas Categorías Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil nas diferentes carreiras que compoñen o Circuíto) e Categoría por Clubs Absoluta (cómputo total de participantes de cada club no resto de Categorías nas diferentes carreiras que compoñen o circuíto).
Así mesmo , cada atleta só poderá inscribirse como integrante dun único club e ningún atleta federado poderá competir con outro club que non sexa o que figure na súa licenza.
O prazo para se inscribir nas diversas carreiras estará aberto ata o mes de setembro a través da páxina web da FGA www.carreirasgalegas.org, agás que a organización respectiva decida habilitar outro sistema. As carreiras da Deputación están incluídas no Calendario de Probas da Federación Galega de Atletismo.











