A Deputación da Coruña edita un libro cos traballos gañadores do certame escolar “Falemos da nosa historia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña editará un libro cos traballos gañadores das dez primeiras edicións do certame escolar “Falemos da nosa historia”, un concurso de redacción histórica aberto á participación de escolares do 3º ciclo de educación primaria e do 1º ciclo da ESO de toda Galicia, que dende o curso 2003-2004 convoca anualmente o CEIP “López Ferreiro” de Santiago de Compostela.

Coa edición deste libro, a Deputación quere apoiar un certame e un proxecto educativo pioneiro en Galicia, que estimula a curiosidade dos nenos e nenas para indagar na nosa propia historia a partir de mitos, lendas, costumes ou refráns populares e que goza dunha elevada participación do alumnado, pois en cada edición son centos os traballos que concorren ao certame dende centros escolares de toda Galicia.

San Andrés de Teixido, Pepa a Loba, María Castaña, Pedro Madruga, a Pedra de Abalar da Virxe da Barca, ou a noite de San Xoán foron algúns dos mitos, persoaxes e temáticas abordadas nas redaccións dos escolares ao longo da traxectoria do certame, que na presente edición ten como lema “Se vas a San Benitiño, non vaias ao de Paredes”.

Na nómina de premiados durante a traxectoria do certame hai alumnos de diversos centros educativos da provincia da Coruña como o IES Punta Candieira de Cedeira, o CEIP Milladoiro de Malpica, o CEIP Ramón Cabanillas ou o IES Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela, o CEIP de Oza dos Ríos, o IES Virxe do Mar de Noia, o IES de Ordes ou o CPI de Viaño Pequeño (Trazo), entre outros.

A Deputación da Coruña, a través da imprenta provincial, editará un total de 500 libros que serán distribuidos gratuitamente entre os centros públicos participantes e os organismos e institucións que apoiaron o certame durante estes anos.

22 de xuño de 2016 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.