A Deputación da Coruña destina 220.000 euros a financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña destinará 220.000 euros a cofinanciar, en colaboración con ONGD e asociacións sen ánimo de lucro da provincia, proxectos de axuda ao desenvolvemento en América Latina, Caribe, África e Oriente Próximo.

As bases da convocatoria, publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia e aberta á concorrencia das entidades que traballen no campo da cooperación internacional, a axuda humanitaria e á educación para o desenvolvemento e que teñan domicilio social na provincia da Coruña, establecen que haberá unha liña de subvencións para o financiamento de actividades e outra para investimentos, cada unha delas dotada cun orzamento de 110.000 euros.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou “a longa traxectoria da Deputación no apoio a proxectos de cooperación exterior, que axudaron a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas” en países como Senegal, onde 120 nenos de Yoff-Dakar estudan cada día na escola “Coruña”; Etiopía, onde colaborou na construción do orfanato Abebe Tsehay ou Kenia, onde a primeira ecografía realizada nun hospital público do país fíxose cun ecógrafo doado pola institución provincial coruñesa.

Unha traxectoria que se impulsa de novo con esta convocatoria, a través da que se financiarán proxectos destinados a fortalecer as necesidades sociais básicas (atención primaria, nutrición, saúde reprodutiva e materno-infantil, educación infantil e alfabetización de adultos), á protección dos colectivos máis vulnerables (infancia e mocidade, mulleres, refuxiados, poboacións indíxenas…), accións destinadas á solución de conflictos ou á protección e mellora da calidade medioambiental.

Terán prioridade aqueles proxectos que formen parte dun plan integral de desenvolvemento da área xeográfica onde se materialice o proxecto, os que conten coa colaboración de asociacións locais e os proxectos presentados por agrupacións de ONGD, entre outros.

As entidades participantes poderán solicitar axudas para o financiamento de actividades ata un importe máximo de 25.000 euros, mentres que no apartado de investimentos o importe máximo a financiar será de 32.000 euros. A Deputación achegará entre o 20% e o 80% do total do orzamento de gastos estimado.

10 de xuño de 2016 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.