A Deputación da Coruña celebra o Día Internacional dos Arquivos cunha mostra virtual de imaxes antigas da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Arquivo da Deputación da Coruña súmase hoxe, 9 de xuño, aos actos de conmemoración do Día Internacional dos Arquivos coa inauguración dunha exposición virtual da colección de fotografías e postais de Manuel Puga Pequeño.

Puga Pequeño, gran viaxeiro e coleccionista, chegou a reunir preto dun milleiro de fotografías e postais da provincia da Coruña nunha colección que foi despois adquirida pola Deputación da Coruña. A súa riqueza visual e histórica axuda a conformar un minucioso relato gráfico da evolución de distintas vilas e cidades coruñesas ao longo do século XX.

Agora, unha pequena parte desas instantáneas pódense ver nesta exposición virtual e no catálogo en liña da páxina web do Arquivo da Deputación na que se mostra como eran a Torre de Hércules, o Castelo de Santa Cruz de Oleiros, o parque do Pasatempo de Betanzos, a Ría do Burgo, ou o porto da Pobra do Caramiñal a principios do pasado século.

Historia do Arquivo provincial

O Arquivo da Deputación da Coruña constitúese ao mesmo tempo que a propia institución, en 1822. En 1888 produciuse o nomeamento de Bernardo Barreiro Vázquez como arquiveiro-bibliotecario, que sería substituído por Manuel Murguía en 1909.

A súa sede experimentou diversos traslados ao longo da súa historia. Durante o século XIX e a primeira metade do XX, o Arquivo situouse nas mesmas sedes da institución provincial na cidade coruñesa, entre elas o edificio do Teatro Rosalía de Castro. Durante as décadas dos anos 60 e 70, a documentación depositouse no Pazo de Mariñán, e dende 1985, o Arquivo provincial conta coa súa propia sede na rúa Archer Milton Huntington da Coruña.

9 de xuño de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.