publicidade hoxe

A Deputación da Coruña aproba investimentos por 400.000 euros en concellos de Ferrolterra e Ortegal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresAs PontesMañónValdoviño
A-
A+

Ademáis dos case 4 millóns de euros que a aprobación da última fase do Plan de Acción Social (PAS) deixa nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, o pleno celebrado onte na Deputación da Coruña deu luz verde a destinar outros 396.337 euros ao financiamento de diversos proxectos de mellora de camiños e infraestruturas municipais nos concellos de Ares, A Capela, As Pontes, Mañón e Valdoviño, a través de cinco convenios que foron ratificados por unanimidade de todas as forzas políticas.

En Ares, o organismo provincial achegará 40.000 euros para financiar o 76% do presuposto das obras de construción dun muro de formigón para a contención de terras no campo de fútbol municipal de Prados Vellos.

O Concello de A Capela recibirá outros 40.000 euros para as obras de mellora e reparación de cinco tramos de estradas, que se corresponden con pontes e pasos sobre cursos fluviais e escorrentías. As actuacións levaranse a cabo no Ponte da Barbela, na ponte de Cenzoi (San Boulo de Caaveiro), as ponte do Machuco e Vilar de Mouros (Santa María de Cabalar), e o paso de Sabugueiro (Santiago da Capela) e inclúen, entre outros traballos, a execución de escolleras, a reparación do firme, ou a instalación de novas barreiras de contención.

En Mañón, a Deputación cofinanciará con 60.000 euros os traballos de mellora nos accesos ao lugar de Sión e outros camiños municipais como o cruce de Rebordelo, o acceso á Barqueira ou o de Barral. Os traballos inclúen tamén a reparación don lavadeiro en Ribeiras.

Outros dos concellos que percibirán achegas provinciais para a mellora de camiños municipais é Valdoviño, onde a Deputación investirá 83.957, 49 euros para obras de mellora, apertura de gavias e pavimentación en lugares como o acceso a Chamorro, o camiño da Pena a Mosende, o de Barcelar a Torrentes ou o de Romeus, entre outros.

No Concello das Pontes, a Deputación financiará con 156.891, 61 euros a segunda fase das obras de acondicionamento e mellora da rúa Alexandre Bóveda, co obxectivo de mellorar a seguridade vial e a calidade ambiental da zona.

As obras inclúen a substitución do firme actual por un novo pavemento de formigón, a renovación das redes pluviais e de sanemento, a instalación de nova sinalización e a supresión de barreiras arquitectónicas, ampliando tamén a reserva de prazas de estacionamento destinadas a persoas con mobilidade reducida.

En As Pontes, executaranse tamén as obras de construción de novas beirarrúas nos Chaos, cun orzamento de 19,362,26 euros, dos que a Deputación achegará o 80%.

Construción dunha zona de estacionamento no mirador de Vixia Herbeira

Por outra banda, a Deputación da Coruña abriu hoxe o proceso de licitación das obras para a construción dunha área de estacionamento de vehículos na marxe dereita do tramo da DP2205 comprendido entre os puntos quilométricos 5+750 e 5+900, á altura do mirador de Vixia Herbeira, onde terá lugar o final da cuarta etapa da Vuelta Ciclista a España 2016.

Esta zona de aparcamento poderá ser utilizada posteriormente para o estacionamento dos numerosos automóbiles que acuden ao mirador, unha zona de referencia turística na comarca, evitando así estacionamentos na marxe da calzada que afecten á seguridade vial.

O orzamento dos traballos ascende a 21.473,13 euros e o prazo de execución e de un mes.

As empresas interesadas en participar na licitación teñen ata o 5 de xullo para presentar as súas ofertas.

30 de xuño de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.