A Delegación da Xunta en Ourense pon en marcha a comisión provincial de coordinación policial de loita contra os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o subdelegado do Goberno na provincia, Roberto Castro García, presidiron esta mañá a reunión de constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2016 que estará operativa dende o 1 de xullo ata o vindeiro 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais. O obxectivo desta xuntanza é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delictiva incendiaria

Na xuntanza tamén participaron membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno, Fiscalía do Medio Ambiente, e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2016. Ademais avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.

A delegada territorial fixo fincapé na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Xefatura territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.

Díaz e Castro subliñaron a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamiento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. Ademais, apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento.

Pladiga 2016

Segundo Marisol Díaz Mouteira, a Consellería do Medio Rural blinda nos aspectos esenciais o dispositivo de loita contra incendios. A delegada territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros, os grupos de emerxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación, “sempre baixo o mando único da Xunta de Galicia”, matizou.

As principais novidades deste plan para o 2016 teñen que ver coa ampliación a 3 anos da duración do convenio entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes e pola creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais. Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal e a súa implicación na defensa contra os incendios.

No Pladiga 2016 mantense o operativo humano de prevención e extinción, composto por uns 5.700 efectivos da Xunta na tempada de alto risco de lumes, reforzados por persoal do Ministerio do Interior, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un dispositivo de máis de 7.000 efectivos. Ademais, contarase con medios aéreos e motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

23 de xuño de 2016 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.