A Coruña aprobará o proxecto de renda social municipal para persoas en exclusión este luns
O Concello da Coruña aprobará este luns, en xunta de goberno, o proxecto de renda social municipal para persoas en situación de vulnerabilidade, segundo informou o alcalde, Xulio Ferreiro, acompañado pola concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán.
A renda consistirá nunha cobertura económica periódica destinada a persoas en situación de exclusión que non perciban a renda de inclusión social de Galicia (Risga) ou outras prestacións económicas para facer fronte a necesidades básicas como alimentación, vivenda, pagamento de cotas de aluguer ou vestimenta.
Entre os requisitos a cumprir figuran estar empadroado na cidade, ser maior de 18 anos e colaborar en itinerarios de inclusión social que levarán a cabo traballadores sociais e que, segundo a edil Silvia Cameán, suporán que “todas estas persoas poidan recobrar a autonomía”.
Mentres, o rexedor herculino destacou que a posta en marcha desta prestación social é “unha das mellores noticias que pode dar este goberno municipal”. Tamén manifestou que a intención é que estea en vigor en verán, unha vez que se leve ao pleno do 13 de xuño. Por iso, instou a aprobar esta renda por unanimidade.
AUMENTO DA POBREZA
Ao respecto, Ferreiro destacou o aumento da situación de pobreza das familias da cidade nos últimos anos, aludindo aos datos oficiais. Por iso, considerou que se fai “máis necesaria esta prestación”. Tamén asegurou que “un 50% das solicitudes da Risga non son aceptados”.
O alcalde destacou, así mesmo, o “grande traballo” realizado para este proxecto, en colaboración coas distintas áreas do goberno local, os grupos da corporación, os traballadores sociais e entidades do tecido asociativo da cidade, ademais do servizo municipal de asesoría xurídica.
Entre os obstáculos “superados”, citou a aprobación por parte da Xunta de Galicia do decreto sobre carteira de servizos sociais de inclusión, “que fará máis doada a tramitación desta prestación”.
CONTÍA
Así, dixo que teñen o “compromiso” de que este decreto se publique en breve, “o que facilitará enormemente o marco xurídico e administrativo do traballo xa que poderemos optar a pagamentos directos, sen necesidades de que estes estean xustificados con facturas”.
O proxecto da renda social municipal estipula que o pagamento da prestación económica ten un máximo de 18 meses. A contía máxima da axuda será a 100% do IPREM, o indicador estatal de referencia para a prestación de axudas sociais, para unidades de convivencia dun único membro e irá aumentando en 20 puntos porcentuais por cada persoa que resida na unidade familiar ata un máximo do 200% do IPREM.











