A consellería do Mar investirá 408.000 euros na mellora do edificio da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra
A consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, investirá 408.000 euros na reparación e mellora da sede administrativa da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra no porto de Arcade, no municipio pontevedrés de Soutomaior. Así o confirmou esta mañá o presidente do organismo portuario, José Juan Durán, na presentación do proxecto de reforma do edificio ante o sector profesional á que asistiu acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Durán Hermida explicou que as obras consisten na ampliación da primeira planta do edificio para acoller máis oficinas e despachos, así como na dotación dunha nova cuberta e fachada para mellor illamento e novas instalacións de climatización, iluminación intelixente e fontanería, entre outras. Así mesmo, repararanse diversos desperfectos e humidades que viñan afectando ao inmoble. Deste xeito refórzase a operatividade das instalacións para o sector profesional da provincia.
Ademais, Portos de Galicia mellorará a accesibilidade do edificio a través da instalación dun ascensor e aseos habilitados para persoas con mobilidade reducida. Finalmente, incorporarase iluminación de emerxencia e liña de voz e datos. O prazo de execución previsto é de 6 meses.
As reformas que executará a consellería do Mar a través de Portos non só permitirán unha mellora das condicións de traballo dos representantes dos mariñeiros e mariscadores da provincia de Pontevedra senón tamén de todos os profesionais do mar beneficiarios dos cursos de prevención de riscos laborais de ámbito autonómico que esta entidade imparte.











