publicidade hoxe

A Consellería do Mar asume a titularidade dunha nova lámina de terra e auga no porto de Lorbé

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de asinar a acta de adscrición ao organismo portuario dunha nova lámina de terra e auga no porto de Lorbé, no municipio coruñés de Oleiros. Así o confirmou esta mañá a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, nun encontro mantido coa confraría de pescadores de Lorbé para afondar nas necesidades dos usuarios deste peirao.

Quintana explicou que o cambio de titularidade destes terreos, que pasan de pertencer á Demarcación de Costas do Estado a Portos de Galicia, permitirá mellorar as condicións de traballo e actividade dos usuarios do porto de Lorbé. O ente público “está a traballar xa na regularización administrativa do edificio da confraría de pescadores”, que se atopa nesa franxa. Ademais, estase a tramitar tamén a autorización para a instalación dun tren de fondeos para a asociación de pesca deportiva da zona, que dependía desta adscrición.

Durante a súa visita, na que estivo acompañada polo presidente de Portos, José Juan Durán, Rosa Quintana anunciou tamén que o organismo portuario ratificará no seu próximo Consello de Administración, previsto para finais do mes de xullo, o documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios. Esta ferramenta, coñecida como Plan de Usos, consolida os usos portuarios existentes na actualidade (pesqueiro, infraestruturas básicas, complementario e auxiliar) e recolle xa a zona recentemente adscrita, ordenando os usos do solo restante de cara ao futuro. Así mesmo a conselleira informou de que, a petición da confraría “vaise encargar un estudio para ampliar o peirao e mellorar a seguridade neste porto”.

Finalmente, a Conselleira do Mar anunciou que o seu departamento “executará unha limpeza dos fondos da dársena” de Lorbé ao longo deste verán. Esta actuación, incluída dentro dunha nova fase do Plan de Limpeza de Dársenas que dende hai tres anos desenvolve Portos de Galicia, dará resposta a unha demanda da confraría para extraer os escombros que se acumulan nos fondos mariños da lámina de auga portuaria.

29 de xuño de 2016 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.