A Consellería de Infraestruturas adxudica a redacción do proxecto construtivo para a intermodal da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo da nova terminal de autobuses integrada na Estación Intermodal da Coruña-San Cristovo. Este traballo será encomendado á empresa EGIS EYSER, S.A. por un importe de adxudicación de máis de 417.000 euros. Sinalar que os traballos para a redacción do proxecto desta infraestruturas poderían empezar este mesmo verán.

O proxecto inclúe o deseño e definición das obras correspondentes á estación de autobuses e ao aparcadoiro para turismos, así como á praza pública e urbanización da Avenida da Sardiñeira.

A redacción do proxecto construtivo deberá elaborarse tomando como base a información arroxada polos estudos previos de necesidades elaborados o pasado ano, e que incluiron un programa de requisitos para a nova estación de autobuses, a proposta de reordenación de liñas de autobús tendo en conta o novo emprazamento, e as análises de tráfico e da capacidade xeométrica do viario.

Deses estudos realizados despréndese que para a nova estación de autobuses se precisan 30 dársenas para servizos interurbanos soterradas; 5 dársenas para buses metropolitanos a cota da Avenida Sardiñeira e un edificio de servizos de 1.000 m2.

No relativo aos accesos rodados, será necesaria a execución dunha nova vía de conexión entre a Avenida de Arteixo e a da Sardiñeira e dúas novas glorietas situadas nos puntos de intersección deste novo vial coas citadas avenidas. Estas actuacións atópanse recollidas no PXOM da Coruña e está prevista a súa execución polo Concello.

17 de xuño de 2016 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.