publicidade hoxe

A consellería de Educación reformará a cuberta do CEIP A Lama para evitar filtracións de auga e mellorar a eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+
Cores Tourís na visita ao CEIP A Lama

Cores Tourís na visita ao CEIP A Lama

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEIP A Lama onde a Consellería de Educación ten previsto levar a cabo a reforma e cambio da cuberta cun orzamento de 185.000 euros.

O delegado estivo acompañado nesta visita polo alcalde da localidade, Jorge Canda, así como polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

As obras suporán a renovación completa da cuberta, a instalación de novos canlóns e de baixantes. “O tellado actual está executado con fibrocemento e tella. Cada vez que se tivo que facer unha mellora no mesmo, o fibrocemento quebraba noutra parte da cuberta, e provocaba a aparición de goteiras. Iso unido ao feito de que conta cunha antigüidade superior os 30 anos provoca a necesidade dun cambio no mesmo”, explicou Cores Tourís.

Este proxecto, segundo apuntou Cores Tourís, “englóbase dentro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 anunciado recentemente polo conselleiro de Cultura e Educación, como parte dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade co que o Goberno central recompensa á nosa comunidade autónoma por ter cumprido o obxectivo de déficit”.

As obras previstas para este colexio de A Lama, como as que se levarán a cabo este verano noutros centros de Pontevedra, responden a unha priorización en función de 4 criterios técnicos, nomeadamente os de seguridade, utilidade, accesibilidade e habitabilidade; sendo todas elas obras determinadas a partir das avaliacións realizadas polas unidade técnicas da Consellería. “A nosa provincia verase beneficiada con un total de 14,1 millóns de euros, executándose obras de mellora e ampliación en 134 colexios e institutos”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que “no caso de Pontevedra, as necesidades orixinan actuacións máis integrais e de maior envergadura que noutras zonas de Galicia, polo que esta provincia concentrará o 35,5% dos recursos económicos”.

O alcalde da localidade agradeceu a colaboración da Xunta para a execución destes traballos que permitirán dotar ao centro dunha maior eficiencia enerxética, xa que o illarán correctamente, evitando a fuga da calor no inverno, ao contar a cuberta sandwich con 4 centímetros de illante.

A Consellería de Educación leva investidos nos diversos centros educativos de A Lama máis de 300.000 euros nos últimos anos, levando a cabo o pulido da terraza do colexio, a reposición da tarima, e a reforma da fachada e tamén dos canos interiores.

14 de xuño de 2016 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.