A conselleira Ángeles Vázquez destaca a excelencia dos pastos, forraxes e pensos que converten Galicia en produtora de alimentos seguros

Ángeles Vázquez na clausura do Foro Anual de Operadores GMP.Galis
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na clausura do Foro Anual de Operadores GMP.Galis, onde salientou a excelencia dos pastos, forraxes e pensos que ten a nosa Comunidade e que a converten en produtora de alimentos equilibrados, de alto nivel nutritivo e seguros.
A conselleira sinalou que a alimentación dos animais constitúe o principal custe de produción das explotacións gandeiras, polo que é preciso seguir traballando nas necesidades nutritivas dos animais e no desenvolvemento das racións alimenticias que permitan optimizar a produción das especies gandeiras. Neste contexto, subliñou que os sistemas de alimentación intensivos baseados no uso de concentrados permiten ás explotacións gandeiras garantir o subministro constante de alimentos de boa calidade e a prezo asequible para a poboación.
Neste senso, a Xunta e a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Agafac), organizadora deste foro, traballan conxuntamente na obtención de pensos e alimentos seguros de calidade, a través dun convenio para a recollida de datos estatísticos neste sector de Galicia. Así, explicou, España produce anualmente en torno a 30 millóns de toneladas, situando ao noso país entre os máis importantes da Unión Europea para todas as especies gandeiras, polo que é imprescindible -engadiu- mellorar e impulsar este sector para que España, e en concreto Galicia, alcance os máis altos niveis de calidade e se garanta con iso a máis alta protección da saúde dos consumidores e, á vez, se reduzan os custes para os gandeiros.
Industria agroalimentaria
Ángeles Vázquez felicitou aos organizadores deste foro, pois nel os participantes son coñecedores das novidades do sector e poden intercambiar experiencias en diversos ámbitos co fin de identificar necesidades e solucións futuras para o sector da alimentación animal.
A industria agroalimentaria galega factura máis de 4.700 millóns de euros e ocupa a máis de 18.300 persoas. Existen preto de 1.300 instalacións que corresponden a industrias que transforman principalmente materias primas agrarias galegas, así como a industrias de elaboración de produtos de alimentación animal. De aí que sexa preciso traballar e esforzarse, tanto o sector como a Administración, para que o sector industrial ligado ao seu procesado teña expectativas de crecemento.











