A comisión de Medio Ambiente analizará os convenios referidos a control de augas residuais e de consumo
As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores, 15 de xuño e mañá xoves, 16 de xuño, no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe celebraranse as comisións de transparencia, facenda e cooperación sendo a quenda das de igualdade, termalismo e cultura ao día seguinte.
Mañá xoves, na comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente analizaranse os dous convenios de asistencia técnica aos municipios e demais entidades locais, un deles para o control e mantemento de depuradoras compactas, e outro para a xestión das instalación de produción e distribución de augas de consumo humano.
O convenio referido ao control e mantemento de depuradas compactas contempla que o ente provincial prestaralle aos concellos ou mancomunidades adheridos a este convenio, o servizo de mantemento preventivo e correctivo das depuradas compactas situadas no ámbito territorial da entidade local, realizando un seguimento continuo do seu funcionamento e asegurando a normalidade na prestación do servizo das augas residuais.
Pola súa banda, o convenio sobre a xestión das instalación de produción e distribución de augas de consumo humano, recolle que a Deputación lle prestará ás entidades locais adheridas, o servizo de asistencia técnica necesario para garantir un correcto estado de funcionamento das instalacións, establecendo pautas de funcionamento, dosificación e proceso que deberá adoptar o persoal da entidade local que realice as tarefas diarias no servizo de abastecemento.
Por último, outro dos temas a tratar durante esta xuntanza será a modificación da cláusula cuarta do convenio entre a Deputación e os Concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro para a prestación de asistencia para a xestión das instalacións de Abastecemento en Alta “Razamonde-San Trocado” para que cada concello teña dous representantes designados polos respectivos alcaldes.
Na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía, abordarase o expediente de modificación n.º 1/2016 das bases de execución do orzamento do Inorde para o exercicio 2016, e o expediente de modificación de créditos n.º 2/2016, do orzamento do Inorde.
Na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratarase a aprobación do expediente da contratación administrativa especial para a prestación do servizo denominado “piscina flotante de auga termal no río Miño”, en Laias, no termo municipal de Cenlle.











